Ráfaga

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Debo ter medio corazón arxentino porque adoro a festa e a Ráfaga. Hai dúas semanas, viviuse algo formidable na Pereira. Unha comisión de seguro pequena, local e arriscada trouxo un grupo de artistas internacionais, logrando obter un dos poucos concertos que realizarán durante todo o ano en Europa. Isto non se logrou na Coruña no Coliseum ou no Multiusos Fontes do Sar. Foi na Pereira, Santa Comba, no que eu definiría coma a verbena do ano. Había tantos centos de persoas que ir por unha copa era xa un deporte de risco ante o ateigado que estaba o recinto. Iso só se consegue cunha gran organización, un enorme efecto chamada e o convite a unha noite fabulosa.

Eu non coñezo a comisión de festas da Pereira nin é este un artigo comedido, pero si de agradecemento. Poder ver tan de preto a quen che gusta é un luxo. Non é a primeira vez que Ráfaga se deixa ver pola Costa da Morte pero foi algo, dende logo, único.

Igualmente, vexo moito botellón este verán nas festas. Non somos conscientes de que as comisións nútrense da caixa que fan. Queremos grandes festas, grupos alternativos que esquiven as orquestras de sempre, pero somos incapaces de colaborar con quen o fai posible. Organizar unha verbena é un traballo cada día máis tedioso. A xente pensa que hai un ánimo de lucro latente e moitas veces pérdese tempo, cartos e saúde só por velar que os pobos vaian a diante e celebren os seus días grandes.

Ás veces, non hai que facer grandes xestos, simplemente ás festas non deberiamos ir cargados de bolsas de supermercado para emborracharnos. Non creo que sexa ese o ocio que queremos nin é preciso iso para poder pasalo ben. Bebe na barra un pouco menos, gasta un chisco máis e contribúe coas comisións.