Soutos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Hai unha zona na Alberca, en Salamanca, chea de carballos e castiñeiros, así que é bo de imaxinar como está estes días: chea de cores, follas polo chan, camiños deses que antes se poñían nunha postal e agora van dereitos para Instagram, e se é cun pór do sol, mellor. Andar por esas terras é sentirse no medio das carballeiras e dos soutos como os que seguramente tivemos por aquí durante tantos anos, como eses que aínda se vén por terras de Ourense e Lugo, e que aquí só atopamos porque alguén cometeu un erro nalgún tempo, sen cortalos, ou porque tamén alguén acertou á hora de replantar, malia as risas dalgúns veciños. Cando un vai pisando todas esas follas vellas tamén está escoitando o eco pasado de lugares que aínda levan o souto no topónimo ou no microtopónimo. Tamén por alí hai moitas sobreiras como as que debeu de haber en Sobreira de Gándara, en Zas. Freixos non vin: se non me engano, na miña parroquia, grande en montes, só hai un bo de atopar, e iso que a unha zona ben ampla chamámoslle así, O Freixo. É unha árbore de porte elegante, tristón no outono, que tamén forma parte de nós e que vai morrendo.

A Alberca foi o primeiro pobo de España en recoñecerse como conxunto histórico artístico, e non só polas súas pedras, que tan ben coidan. Algo do que hai derredor tamén debeu de contar. Ata teñen unha oficina de turismo na que a responsable gusta de falar das influencias galegas: o culto ás ánimas, os moitos e fermosos cruceiros, e ese frío a certas horas que senta como unha xeada seca. Nada me gusta andar comparando cando un sae fóra, é un vicio inxusto e vello, pero ás veces fago excepcións: si, hai moito que aprender.