Nin coma nin punto

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

15 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu tamén tiña a Manel nas miñas amizades do facebook. Teño moita xente nas redes, máis de 5000, pero recoñecino ao ver a nova. A primeira impresión que tiven ao ler foi que nunca sabemos as historias e as lousas que cada un carga na propia vida detrás dun perfil. No fondo, a todos nos gustan as historias fermosas: os pobres que se fan ricos da nada, as cartas da guerra civil que chegan a destino despois de decenios de acabaren os conflitos bélicos ou os enfermos que se curan coma nos tempos de Xesucristo, cando ía por Galilea curando lepra e desgraciados. De feito, se o pensamos ben, boa parte da nosa cultura está asentada en milagres, curacións e aparicións fortuítas que puideron ser bulos na súa época. Monteagudo eu creo que se deixou levar polo balbordo. Seguramente adornou demasiado unha entrevista, confundiu termos e deixouse facer.

É demasiado tentador saír nas portadas dos xornais, das cadeas de televisión e deixar que as palabras broten da boca, sen ter en conta as contradicións constantes. A fama, como canta Rosalía, é unha mala amante. É quizais máis poderosa ca o diñeiro porque alimenta o ego propio. Tampouco moitas veces o periodismo é quen de facer unha investigación profundísima e de contraste, prima obter a noticia de primeira man, da boca do protagonista. Non é algo malo, é o ritmo acelerado da industria que leva inequivocamente a fe de erros e actualizacións de noticia. Todo fai a bóla perfecta para destapar a un mentireiro que é máis fácil de atrapar que un coxo, como din os vellos. Mentres, hai persoas que coidan dos seus enfermos encamados por anos, cheos de chagas, negando coa cabeza ao ver como hai xente que utiliza a desgraza doutros para beneficio propio.