CRÓNICAS DO PASADO | Vén de rematar a oitava edición dun ciclo de actividades educativas e culturais que sempre tiveron excelente acollida
13 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Se hai algún mes que para a Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee teña un significado especial, este é, sen dúbida, o mes de outubro. Quixo a casualidade que en outubro tiveran lugar dous dos acontecementos históricos mais importantes da vila de Cee. Un 18 de outubro de 1796 nacía Fernando Blanco de Lema, e noventa anos máis tarde dese nacemento, concretamente o dous de outubro de 1886, inaugurábase o máis antigo instituto do rural galego, pedra angular na que se asentou boa parte do desenvolvemento educativo e cultural de Cee e comarca, e que foi unha realidade grazas á xenerosidade e ao amor polo seu pobo dun home que terá, por sempre, o seu nome gravado con letras de ouro na historia da vila da Xunqueira.
No ano 2013, os que daquela formabamos parte do Padroado da Fundación, decidimos que estes dous feitos había que celebralos con toda unha serie de actividades educativas e culturais tanto para o público en xeral como para os distintos centros educativos do noso concello. É así foi como naceu o Programa O Mes da Fundación que vén de pechar a súa xa oitava edición.
Grazas á colaboración da Deputación Provincial da Coruña e de diversos establecementos foi posible argallar durante todos estes anos, agás no 2020 que por mor da crise da covid-19 non puido levarse adiante, toda unha serie de propostas que dende o primeiro momento tiveron unha excelente acollida por parte do público e dos centros escolares, así como tamén por parte dos usuarios da Asociación Aspadex, aos que sempre temos o pracer de convidar a participar no programa.
Tratamos, dende o primeiro momento, de buscar propostas atractivas, e mesmo novidosas, que captaran a atención da xente. Para tódolos niveis educativos dos colexios ceenses contamos con teatro, obradoiros, música e conferencias de diversas temáticas. E para o público en xeral propuxemos charlas de moi diversa temática e con poñentes de recoñecido prestixio, tendo, ao mesmo tempo no programa, un lugar destacado a música e o teatro, as dúas grandes manifestacións culturais nacidas ao abrigo dos centenarios muros de pedra do Instituto Fernando Blanco e que hoxe, mais dun século despois, seguen sendo actividades vivas e arraigadas na nosa vila, sendo, sen dúbida, dous dos sinais de identidade dos que aquí nacemos.
Pero é que ademais outubro é o mes elixido para a entrega das Becas Fernando Blanco, outra das actividades das que nos sentimos moi orgullosos na entidade, pois supuxo retomar unha disposición que xa aparecía nos regulamentos do colexio-instituto e escolas da Fundación do ano 1886, redactados polo seu primeiro director, Dionisio Barreda. Neses regulamentos establecíase a necesidade de entregar distintos premios aos mellores expedientes académicos dos referidos centros educativos, e así, dende o curso de 2011-2012, conxuntamente fundación e instituto veñen celebrando este fermoso e emotivo acto de recoñecemento, que nesta última edición tivo, como broche de ouro, a ofrenda floral depositada polo alumnado premiado no mausoleo situado na capela onde repousan, dende 1887, os restos do filántropo nacido en Cee, como mostra de cariño, admiración e gratitude.
Por todo isto outubro é, e sempre será, o Mes da Fundación Fernando Blanco.