Grans e ciencia

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Neses debates efémeros da temporada agraria, que non son nada profundos nin o pretenden, porfiábanme a min o outro día sobre a calidade do millo que eu aínda chamo novo: o amarelo. O transxénico (un deles), noutra maneira de velo. Si, todos botamos de menos, eu o primeiro, o millo do país de sempre: espigas fermosas, con boa fariña para broa. Pero a semente dun ano para outro non sempre se conservaba ben. Ás veces, moi mal. Aquel criterio que tanto funcionaba de ir escollendo a xeito, as máis grandes e co bico apertado de grans, deixou de funcionar cando empezou a comelo a barola ou as pragas non coñecidas. O pé, que cada ano medraba máis (tamén dependía do abono e da terra), deixou de facelo. Os revicos foron a máis, igual ca o caruncho. E as vacas marcharon e xa non pedían desa fariña. Outra: as casulas eran cada vez máis duras. Así que todo foi axudando para deixalo atrás e coller do novo, que non ten queixa, ás vacas tamén lles gusta lamber a fariña no balde (outra non hai).

Si, eu tamén quería espigas de cores e, despois de deixar o lombo subindo nelas ao cabazo, facerlles unha foto cun gif do arco da vella á beira, pero os tempos son outros e imos ao práctico. Nin temos os fornos semicirculares para tratar aquela fariña (e a do trigo) gardada na artesa. Transxénico si, pero daquela maneira. Tamén evitamos enfermidades coas vacinas, e só uns poucos se opoñen máis por moda que por medo. Algúns asocian ciencia a algo malo no agro, como se estivese un microondas cultivando unha remolacha, cando é xusto ao revés. A ver cando a ciencia consegue o autoesfollado, que xa me tarda!