Lobos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tendo a falar moito, porque é o que vivo, de que estamos perdendo hábitos agrarios e xente maior que garda modismos lingüísticos e tradicións que se van con eles. Certo todo, e máis. Pero perdemos tamén o contacto cos animais. Non sei se será a miña idade a que ten a raia dos que viamos cada ano cantar o cuco. Con cada cu-cú erguía o rabo. Xa polas últimas custábame máis, e había que ir arrastrándose para que non me vise e eu a el si, que son moi asustadizos. O mesmo lle pasaba aos miñatos, que te cheiraban a cen metros e escapaban. Agora xa os pescas a tres metros e dubidan se marchar: non sei se son rapaces novas que van de listas e pasan de todo ou que xa me ven maior e non notan o perigo, porque ata miran para a cámara de esguello. Igual que os raposos, que xa parecen gatos. ¡Se os de antes ergueran a cabeza!

Co lobo pasa algo parecido, e non sei en que franxa de idade está a dos que os escoitamos. Velos (non digo como agora cando se achegan a casas por fame, falo do ciclo natural) xa non me tocou, si a meus pais e sobre todo avós.

Eu son xa xeración dos ouveos, e non só de noite, que recordo algunha tarde aló cara o Gandarón e Os Marquiños. Anda agora a política moi revolta co tema este do lobo, porque acaba de prohibirse a súa caza. En Galicia hai moitos en contra diso. Eu non, pero depende. É un tema con moitos matices. Se cadra a norma serve para que os rapaces de agora volvan a escoitar os ouveos máis adiante. Tal e como está o mundo, farán un tik-tok o unha panorámica en dron, pero polo menos saberán como son. E, se cadra, ata lles entrará o frío no corpo ao escoitalos berrar ao lonxe.