O cooperativismo, un modelo que pode dar alento ao rural

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Aldeas Singulares e Festicop dinamizaron a mañá do cuarto día de Festiletras 2021, no que tamén foi recoñecida como Boa e Xenerosa a artesá Elena Ferro. Hoxe é a derradeira xornada do encontro

05 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aldeas Singulares e Festicop, neste último caso na súa primeira edición, puxeron este sábado en valor o cooperativismo. Todo, ao abeiro das Festiletras do Couto. Aldeas Singulares tivo a presenza do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, quen incidiu na economía social, e precisamente no cooperativismo, como axentes dinamizadores do rural. O 2020, a pandemia, trouxo un cambio de tendencia, cun fluxo migratorio das cidades a pequenos núcleos: por primeira vez dende que hai estatísticas, todas as comarcas galegas tiveron un saldo migratorio positivo. Neste sentido, animou a seguir impulsando iniciativas como esta da Fundación Pondal, por reivindicar «as fortalezas do rural». Explicou, tamén, programas autonómicos de apoio para o cooperativismo. Aínda hai prazos abertos, opción de acollerse para a consolidación de empresas e emprego con este modelo.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

O Festicop, doutro lado, tivo onte o respaldo de Susana Touza, subdirectora xeral de Economía Social. No salón da fundación pondaliana, Espazo Coop fixo unha presentación introdutoria deste sistema. No público, maioritariamente xente nova, menores de 30 anos, como explicou Luz Imia, patroa da entidade pontecesá. Unha vez rematada esta exposición, os participantes fixeron un percorrido polos estands repartidos pola aldea nos que cooperativas de distintos ámbitos (medio ambiente, libros, xoguetes, coidados a maiores...) daban a coñecer o seu traballo e animaban, de paso, a embarcarse neste modelo.

BASILIO BELLO

Coma sempre, houbo espazo para as sorpresas, porque media ducia de graduados en Arte Dramático pola Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, entre eles Yago Espasandín, representaron polas rúas traballos de aldea que gardaron e gardan a esencia mesma do cooperativismo: carpinteiros, matachíns, zapateiros... Por alí andou tamén Eduarda Pondal. Non faltou a música, coa Banda Infantil de Xinzo e Caldo, ou os pasacabanotes: Inllar, A Tagea e A Requinta da Laxeira.

BASILIO BELLO

Elena Ferro: "É o mellor premio que se pode recibir"

Moi emocionada, Elena Ferro, zoqueira, Premio Nacional de Artesanía no 2019, recolleu onte o segundo premio Bo e Xeneroso desta edición 2021 das Festiletras. «Este é o mellor premio que se pode recibir na vida», dixo ao ser recoñecida co busto de Pondal, no seu nome e no da súa familia, da que ela é a terceira xeración de zoqueiros. «Levamos moitos anos asistindo a esta celebración e non recibimos máis que cariño e amizade. As xentes do Couto, eles son os bos e xenerosos», reflexionou, para rematar cun desexo: «Por moitos anos máis!».

BASILIO BELLO

O premio a Elena Ferro chegou xusto despois dun irmanamento entre o Pasacabanotes da Fundación Eduardo Pondal e o Pasabodeghas que a Asociación Cultural San Campio de Vedra leva a cabo na parroquia de Sarandón. Alí, o do ano pasado tería que ter sido xa o décimo aniversario, se non fose pola pandemia. Como símbolo desta colaboración que se establece de cara a vindeiros anos, entregáronse uns agasallos mutuos e quedou descuberta unha placa de olería de Buño, obra de Eloy Mancebo.

BASILIO BELLO

Remataría xa a tarde co agardado concerto de Guadi Galego, con entradas esgotadas. Arrincou con dúas pezas antes dun cálido saúdo no que explicou que non estaría soa no escenario, senón acompañada de Amigas chegadas de toda a Península. As primeiras, de Asturias. Prevíase cuberto, pero quentaba o sol con forza. Guadi pediu ao público que cantase. Nos bises, un potente Matriarcas.

O PROGRAMA PARA HOXE:  feira de artesanía

Desde as 11.00 horas. Artesanía e letras están ligadas no Couto dende a primeira edición das Festiletras: 39 anos ten a celebración e outros tantos o mercado que, como xa é tradicional, se leva a cabo en xornada de domingo, a última, con diferentes postos. A Xunta de Galicia estará presente nesta cita a través da Fundación Artesanía de Galicia, que patrocina tres obradoiros gratuítos abertos ao público familiar, para iniciarse, de 11.00 a 20.00, na olería, a cestería ou a estampaxe manual. Os talleres serán impartidos por Carlos San Claudio (Vigo), Julia de la Cal (O Porriño) e Sandra Betanzos (Ames), respectivamente.

espazo deleite e xogos

Pola mañá. Xogos tradicionais para mozos e menos mozos da man do Museo Etnolúdico de Galicia, o Melga de Ponteceso.

Pasacabanotes

Pola mañá e ás 15.00 horas. Os Viqueiras, cos seus cabezudos, serán os encargados de dinamizar musicalmente a mañá no Couto, en formato pasacabanotes. Volveranse dar a iso das 15.00 horas, neste caso cos grupos Os Farrapos e Xa Era Hora.

concertos

14.00 horas. En horario de sesión vermú intervirán Faíscas da Pontraga. A entrada é de balde, ata completar aforo.

18.15 horas. Concerto con entrada, xestionada a través de ataquilla.com. A sesión vespertina, peche das Festiletras 2021, correrá a cargo de Xosé Lois Romero & Aliboria. Virán, como xa fixeron Fetén e Fetén e Guadi Galego, acompañados de amigos. A organización, cabe recordar, reservou medio cento de entradas para a billeteira do festival.

premios Bos e xenerosos

18.00 horas. Terceiro e último galardón que se entregará nesta 39.ª edición das Festiletras. Quique Peón, peza clave da recolleita e posta en valor do folclore tradicional galego, será a persoa recoñecida este domingo.