Labarta

Vicente de Lema

CARBALLO

28 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Apasada fin de semana inauguraban en Baio unha mostra sobre o seu Enrique Labarta Pose, ese personaxe que se mantén moi vivo na alma do seu pobo. Hai poucos intelectuais que, pese a que os organismos oficiais os levan tanto tempo esquecendo, seguen tan presentes entre os seus próximos. Labarta foi un enxeñoso escritor e xornalista moi popular no seu tempo. Tanto que nos anos oitenta e noventa aínda había persoas maiores que recitaban de corrido os seus poemas máis célebres. O Concello de Zas fixo unha exposicións de catro paneis dobres nos que se resume a biografía e maila obra principal do creador soneirán. Están alí, na beira do río Grande do Porto, para quen os queira ler, unha excelente maneira de espallar e divulgar o principal dun autor que deixou unha profunda pegada por onde pasou: Santiago, Pontevedra e Barcelona, onde finou a pesares de manifestar o seu desexo de «ficar ó pé do monte Castelo», enterrado nunha caixa de abeneiro despois de morrer na súa «terriña». Como a moitos outros poetas, esa graza non lle foi concedida. Labarta, tan festexado en vida, tivo o mala sorte de ser un poeta humorístico. E iso non sempre se perdoa. En fin, é unha magnífica exposición, que ben farían os concellos da Costa da Morte en levala aos seus paseos e aos seus xardíns por quendas e durante un tempo para que toda a bisbarra saiba un pouco máis dun escritor que ben se merece os loureiros do recordo e repasar as súas composicións, que en moitos aspectos foron pioneiras. Ao fin e ao cabo, na súa obra hai referencias a moitas localidades e celebracións da comarca. Dá unha boa lectura acompañada da sinfonía da auga do río.