«O segredo dos zapatos», o máis recente traballo de Cabeza Quiles

Fernando Cabeza Quiles

CARBALLO

Acaba de saír do prelo e foi publicado por Edicións Embora. Axiña estará nas librarías. Son 14 contos ambientados en Bergantiños e na Costa da Morte

06 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Velaí a fermosa portada e contraportada do meu libriño O segredo dos zapatos, acabado de saír do prelo e publicado por Edicións Embora, que axiña estará nas librarías. Trátase dunha nova edición, publicada por primeira vez no seu día, agora corrixida e acompañada de novas e magníficas ilustracións (incluída a da capa) da autoría do artista carballés Mon Lendoiro. Son 14 contos, que no seu día tiveron bastante éxito, pensados nun principio para nenos e preadolescentes, que tamén pode ler a xente maior que o desexe.

Os relatos ambientados na Costa da Morte e na comarca de Bergantiños, a terra roxa ao arar, non teñen, á mantenta do autor, o didactismo como finalidade primordial e foxen do maniqueísmo que fabrica e reparte etiquetas de bos moi bos e malos malísimos. Tamén procurei que non se notase finalidade predicadora ningunha, aínda admitindo que toda obra literaria ten unha parte máis ou menos grande de predicación. Por outra banda, os contos cóntanse, pero non se explican, á vez que non (que Deus ou o Ceo me libren) se adoutrina nunha dirección ideolóxica concreta, para incentivar o espírito crítico do neno, que, como futuro cidadán libre e sen prexuízos, decida por se mesmo. Os pequenos protagonistas dos relatos non son nenos e nenas que imparten as leccións que os adultos lles indican.

Sen abusar do didactismo esaxerado, incídese en incentivar o amor e o respecto á Terra (con maiúsculas), porque estamos xogando con lume e o lume queima e destrúe. Tamén se invita á xuventude a practicar cada vez menos o consumo (sen citar esta palabra) desaforado e superfluo que nos invade ao tempo que se lle ofrece á xente nova a paisaxe, o deportes e as lendas populares como alternativas de ocio convenientes e válidas. No libro prima, creo, a palabra e a musicalidade sobre a historia. ¡Oxalá! teña lectores o meu libriño, que, dende xa, espera ser adoptado por un moi módico prezo nas librarías do país. Se O segredo dos zapatos contribuíse a configurar, aínda que só foxe un chisco, unha sociedade mellor, daríame por satisfeito.

* Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953) é veciño de Carballo dende hai moitos anos. Suma á súa colección de obras publicadas esta que aquí reseña. Recentemente, tamén saía á rúa «Toponimia de Carballo», baixo a colección divulgativa Terra Nomeada, do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.