Xeada de abril

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

04 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando pensas que, por idade, xa poucas cousas te poden sorprender con respecto ao que pasa nas leiras ou na beira da casa, resulta que este ano vin a peor xeada da miña vida. A ver: ver, ver... non a vin, nin sequera a sentín, que xa ten o seu aquel. E por riba veu hai pouco máis dun mes, un día só, sen avisar. Nada que ver con esas xeadas que coñecemos todos de sempre, con todo branco tipo neve, con esas pozas dos nosos tempos que cando iamos á escola formaban cristais nas pozas (dende que asfaltaron todas as pistas, iso acabouse) que tanto gusto daba escachar e ata había quen as metía na lingua, como se fose un xeado. Que cousas (reais).

Non, a xeada da que falo foi coa primavera moi entrada, xa máis preto do verán ca do verán. Chegou una noite normal e levou por diante ramadas enteiras de patacas (kennebec e baraca, que non todas resisten o mesmo), uveiras centenarias, figueiras, froitais, as camelias do que aquí chamamos xardíns (as flores que se botan diante da casa)... As figueiras están sen unha soa folla, como se fose decembro. E todo isto, foi por todas partes? Non. Iso é máis raro aínda, porque hai veciños e parroquias próximas ás que non lle afectou nada. Chegou e marchou como se fose un remuíño de frío glacial, como cando chega o vento coma un tornado e desfai por onde lle dá a gana, como xa teño visto nalguna leira de pinos: os da esquerda, arrincados de raíz; os da dereita, sen tocar. Menos mal que a auga de maio (e algunha menciña vitamínica) axudan a que a ramada das patacas recupere a forza habitual. Xa veremos se resisten por abaixo. E aínda por riba, coas desfeitas dos porcos teixos, que estes nin frío nin nada.