Linguaxe e inclusión

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

24 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito se fala nestes días da linguaxe e a inclusión. De se as mulleres temos fillos, fillas ou filles. Se nacemos con xénero ou se somos seres non binarios que cando temos uso de razón optan polo dereito a ser homes e mulleres, independentemente das gónadas coas que nacemos. Un tema delicado se pensamos que se está debatendo se os nenos teñen poder de decisión temperá, podendo estar non seguros da súa disforia de xénero e arrepentirse anos despois de entrar nun proceso con difícil retorno. Namentres, pouco se fala dunha cuestión que debería ser o epicentro das actividades do Ministerio de Igualdade.

Na pasada semana, morreron seis mulleres asasinadas polas súas parellas no presente ou no pasado. Detrás destas mortes só existe un pensamento: se non es para min, non vas ser para ninguén. Tanto que vivimos no primeiro mundo e encontrámonos na casuística de que, polo simple feito de ser muller, estamos ameazadas de morte. Máis aló de cambiar os remates dos substantivos por vocais neutras, gustaríame que unha noite, cando unha muller saíse de festa, non sentise medo a camiñar soa. Tampouco que un día a miña ex parella me fose buscar ao meu lugar de traballo para intimidarme e, quen sabe, chegar a matarme. A verdadeira inclusión non é un debate entre Pérez Reverte e os seus detractores sobre o cambio de vocablos para favorecer que nos sintamos todos iguais. A inclusión verdadeira pasa porque a igualdade legal se transforme en real. É inadmisible que morran seis mulleres nunha semana, tantas familias rotas polo arrebato daqueles que senten poder e xurisprudencia sobre as nosas vidas. Se eu traballase pola igualdade no Estado, sentiría que estou fracasando estrepitosamente.