Senda Nova alerta dos males que sofre o bosque da Ribeira da Pena

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A entidade ambiental, que levou a cabo unha nova andaina pola zona, menciona un «perigo extremo de desaparición»

29 abr 2021 . Actualizado a las 17:17 h.

«Un dos bosques máis esquecidos», «unha das masas autóctonas máis importantes de toda a Costa da Morte», «un dos espazos de interese en perigo extremo de desaparición». Así definen dende a asociación ambiental Senda Nova o bosque da Ribeira da Pena, que ten en porta de entrada en O Toural (Rodís, Cerceda). Este espazo é o eixo do itinerario Camiños de Aldemunde, o segundo dos realizados dentro da 12.ª edición da Primavera en Ruta promovida por este colectivo. É o trazado máis veces percorrido dende a fundación de Senda Nova: «Agasalla en pouca lonxitude un paseo por un bosque encantado, unha visita a un muíño en funcionamento, un dos castros máis importantes da bisbarra e, por último, rematar na Pedra Moura, ese dolmen que é capaz de incluír a Carballo no futuro Parque do Megalitismo», indica a entidade. A Ribeira da Pena é unha completa aula de aprendizaxe en si mesma: carballo, abeleiras, loureiros, acivros...

Esta segunda saída de Senda Nova volveu deixar fermosas sensacións, máis tamén alerta: «Insensibles plantacións de eucalipto que están a arrasar esa xoia da nosa bisbarra». Non só poñen en perigo este «bosque encantado», senón que tamén soben polas murallas do Castro de Aldemunde. Aínda máis: «Por se fora pouco, a Pedra Moura tamén se atopa na encrucillada. Puidera parecer mentira que a este xacemento lle poidan acontecer hoxe en día agresións, mais, durante o pasado confinamento o vial aberto de acceso a fincas lindeiras converteuse nunha pista de zahorra que atravesa a mámoa». Alarmante crónica de Senda Nova.