Cuestión de ERES

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

26 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

pasado sábado, publicábase un artigo que en poucas palabras facía fincapé nunha realidade imperante. As cartas ao director son unha ferramenta que pon á disposición do lector a palabra, a denuncia, a reivindicación máis crúa. Roberto, o autor, falaba de como estaba canso de que moitas empresas, algunhas do IBEX 35, prexubilen aos seus empregados con pouco máis de cincuenta anos, co conseguinte prexuízo que xera nos sistema de pensións.

Eu tamén estou farta de que sectores, coma o enerxético ou a banca, anuncien ERES e recortes de persoal que minguan os traballadores en nómina, mudándoos por máquinas. Cando a banca recorta horarios de atención ao público, hai que pensar que é cun só fin: eliminar os traballadores como activos e obrigarnos a usar a banca electrónica. Atrás quedaron os tempos nos que lle permitían aos banqueiros actualizarlle as cartillas ás persoas. Non falemos dos rescates nunca repostos.

De todas formas, aínda que estas empresas anuncien ERES, continuamos utilizando os seus servizos. Os seus empregados son xubilados antes de tempo e nós, os cidadáns, acabamos pagando coas nosas retencións e impostos estas pensións.

Namentres, os nosos avós tivéronse que retirar con moitos máis anos, tendo eles traballos máis físicos que xustificarían unha xubilación máis temperá e digna. Onte, mentres conducía por Cee, parei nun semáforo vermello que lle daba preferencia de paso aos viandantes. Todos pasaron tranquilamente agás un señor maior que me fixo sinal de que pasase cun sorriso enorme. A min calóuseme o coche mentres pensaba no símil da escena. Os nosos maiores, tan maltratados tantas veces polo Estado e a sociedade, son os máis xenerosos e protectores con nós.