Cabazos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

23 abr 2021 . Actualizado a las 09:12 h.

noso cabazo, de estilo fisterrán, non ten a data de construción na fronte, coma tantos (sobre todo a partir dos anos 50), pero si sei cando se mudou de sitio ata o que ocupa agora debido a cambios que se fixeran da casa vella á nova: en 1944.

O canteiro que se ocupaba do transvase das pedras dun sitio ao outro, a poucos metros, colleu un día libre para ir ver un avión de guerra americano que caera na praia de Traba de Laxe. Foi o que alegou para xustificar a ausencia desa xornada. Na casa pensaron que era mentira e só quería folgar, pero fora certo: aqueles días había recuas de xente para ver o aparato na area. O que é a vida: moitos anos despois eu cheguei a falar co piloto daquel avión, de apelido Casale, por medio da súa dona, na vivenda de Connecticut, xa que estaba tan maior que oía moi pouco. O círculo aínda se pode pechar un pouco máis se temos en conta que o seu salario pagoullo miña bisavoa cos poucos cartos que sacaba co volframio de Varilongo, e avións como aquel loitaban precisamente para evitar ese comercio.

É unha historia miudiña e sen importancia que rodea o noso hórreo, moi anterior a aquela data, pero con vida nova dende entón, con máis vento do nordés e tamén do outro lado para secar ben as espigas que cada ano aínda o enchen. Historia cativa, pero nosa ao fin e ao cabo, ligada a un elemento patrimonial tan importante para cada unha das casas. Tanta importancia ten que nunca lla demos, porque estaba aí, de sempre. Como o cariño ou o amor dos familiares. Este cabazo e tantos miles ben merecen ser patrimonio da humanidade. Xa o son da humanidade galega, pero o resto do mundo tamén ten que sabelo.