Jorge Mira: «Estas Aulas converterán Dombate nunha capital científica, e iso é un orgullo»

La Voz

CARBALLO

Sandra Alonso

Logo da astronomía, covid, auga e clima trataranse nas xornadasO baiés Jorge Mira é o director das sesións formativas impulsadas en Cabana dende o Concello e dende a Deputación

01 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Están sendo xornadas intensas para o baiés Jorge Mira Pérez (1968), catedrático de Física Aplicada da Universidade de Santiago (USC). Dun lado, ducias de entrevistas pola súa postura en torno ao fuso horario, un asunto que o ten convertido en persoa de referencia a nivel nacional e internacional, en tanto que forma parte da comisión de expertos nomeada polo Goberno para estudar un posible cambio horario en España. Doutro, as Aulas Científicas Deputación da Coruña, A luz da ciencia dende do Dolmen de Dombate, unha iniciativa do Concello de Cabana e da institución provincial. Xa se levou a cabo o primeiro encontro, sobre astronomía, e está moi satisfeito co resultado: dende onte, por certo, pode consultarse nas portadas das web do Concello de Cabana e da Deputación o contido íntegro dos dous días de sesións. Mira é o director das Aulas, que en principio serán trimestrais.

-Como se xestaron?

-A inquedanza, a sensibilidade por poñer en marcha un proxecto, chegoume dende o Concello de Cabana e a Deputación, a través dunha chamada do alcalde, José Muíño. O que fixen foi darlle forma. Nun escenario pandémico, a idea era seguir mantendo actividade na medida do posible e vin claro que, se queriamos facer algo ambicioso, que marcase, non poderían ser simplemente unhas charlas, senón que tiña que ser un curso, con varias etapas, varios capítulos, con profesores, con nocións básicas e, sobre todo, de utilidade para todo o mundo, con un certo toque de escola, de aí o nome de Aulas Científicas, precisamente.

-E en Dombate. Que lle parece isto a un veciño?

-Que estas Aulas se leven a cabo en Dombate significa moito. É unha decisión do Concello e da Deputación: o museo do dolmen é en certa maneira científico, así que me parece un lugar perfecto, tendo en conta que isto non é unha actividade local, para Borneiro ou para Cabana, senón para toda a provincia. Dombate é así o espazo formativo da Deputación da Coruña. Poderían terse feito en calquera outro sitio, pero non. É extraordinario porque se fai de Dombate un dos puntos neurálxicos de referencia da provincia de Coruña: estas Aulas converterano nunha capital científica e iso é un orgullo. Como cidadán da Costa da Morte que son, a iniciativa, por tanto, non podería parecerme mellor.

-Astronomía, coronavirus, auga e clima: son os temas elixidos para tratar. Por que esta elección? Custou escoller?

-Non foi doado, fixen unha listaxe de moitos temas, pero había que filtrar. O primeiro, a astronomía, estaba claro, pola tradición que hai en Cabana da Ruta das Estrelas e por ser punto de referencia para esta cuestión. A astronomía é, ademais, algo básico para a sociedade. O covid e as vacinas é un tema de actualidade, en torno ao que hai moitas preguntas. Esencial é tamén a auga, como se trata, como se depura; e o clima é algo que a todo o mundo lle importa e sobre o que cada vez hai máis interese. Son Aulas, como dixen, cunha vocación de formar, que poden ser empregadas por toda a cidadanía, dende un rapaz de primaria a un adulto con inquedanzas por estas cuestións. Sería ideal que algún dos fragmentos se puidese «reciclar» en aulas de colexios e institutos.

-Que sabor lle deixaron estas sesións de astronomía?

-O resultado é moi bo, quedaron moi comprensibles. Dende as explicacións de Borja Tosar acerca de como vira a terra arredor do sol e por que vemos «circular» así a lúa; ou as de César González sobre como o firmamento axudou á humanidade a orientar os seus monumentos, unha homenaxe, ademais, ao sitio onde estabamos, Dombate. Falouse dese último solpor da Europa continental uns meses ao ano, algo que prendeu moi ben no sector turístico da Costa da Morte, como amosou Fernando Rey, impulsor da empresa Solpor.eu. O formato mesa redonda final permitiu unhas reflexións activas sobre as potencialidades desta comarca: ten moitos feitos diferenciais e mesmo se abordou a posibilidade de buscar certificacións de prestixio internacional, un selo de calidade como o Starlight. Espero que sexa un punto de partida para accións deste tipo, hai camiño para desenvolver e non sería difícil explotalo. Mesmo se puxo enriba da mesa a posibilidade de facer un intento de captar recursos en Europa.

Un formato «plató de televisión» pensado para este tempo de covid

Mira Pérez asegura sentirse «moi honrado» de que tivesen pensado nel para dirixir estas Aulas. O esquema a seguir xa está asentado e agora queda ir pechando os expertos en cada materia que poidan intervir, de ámbito galego e incluso algún, posiblemente, de fóra da comunidade.O baiés agradece o detallismo do persoal do Concello e Deputación e a colaboración que lle brindaron para sacar adiante o proxecto: «Non aforro eloxios á súa capacidade, e iso que son moi detallista. A montaxe superou as miñas expectativas». Fala de montaxe porque, nun escenario de pandemia como é este, e pensado o formato para ser retransmitido de forma virtual, o que se fixo foi converter a Aula do Centro Arqueolóxico de Dombate nunha especie de plató de televisión, con varias cámaras gravando ao mesmo tempo, coma se fose un programa, para unha realización aínda máis coidada. Aínda que a idea orixinal era ter público e así será se a situación sanitaria o permite, cun aforo en todo caso moi limitado, nestas primeiras sesións non houbo. De aí que, con esa vocación formativa e co ánimo de chegar a un público amplo, máis alá de algo puntual, se optarse por este plantexamento «case televisivo», que redunda na comprensión.