Avións en Portugal

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

05 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estas liñas poderían ir sobre ir coller avións a Oporto, aeroporto que malia a drástica caída de voos en todo o mundo segue mantendo un tráfico notable. Pero non: vai sobre se dende a Costa da Morte podemos ver un avión voando sobre Portugal. E podemos.

Dende que existen as aplicacións específicas para os móbiles, os voos deixaron de ter misterio: sabemos ao momento todo: compañía, modelo, altitude, velocidade, rumbo, o percorrido e o sen percorrer, o historial... Aínda impresiona e non aburre nada.

Grazas a isto, podemos ter sorte algunha vez e ver unha estela ao lonxe dun aparato sobre Portugal. Os cálculos fíxoos Jorge Mira, que para iso é físico e gústanlle estas cousas. Tardiña clara, o sol poñéndose e alumeándoo. Estela longa necesaria. Pouco tráfico ao lado para non confundirse. Miramos e... aló vai, sobre Viana do Castelo, a simple vista dende Baio.

Tecnicamente, a 10.000 metros de altura, que é máis ou menos unha altura habitual para os avións, o horizonte visual chega a 360 quilómetros. Unha barbaridade, pero en condicións normais 160, sobre Viana do Castelo, xa está moi ben. A esa distancia, se a estela ten por exemplo mil metros, o ángulo co que a vemos no ceo dende aquí é 0,35 graos. Pode parecer pouco, pero non o é: pensemos que o ángulo co que vemos a lúa é de 0,50. Non é un satélite que brilla de noite sobre nós, que se ve a moitísima máis distancia. De aí que o poidamos percibir ben. E mellor, se máis altos.

Son, en fin, eses detalles anecdóticos e curiosos noutro tempo impensables: a onde irá aquel avión, e canto de lonxe estará de min. E que pequeno é o mundo, tamén.