19 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Écurioso que este ano no que non puido haber entroido físico, con comparsas, cantareas, ironías a viva voz e reunións de grupos, foi un dos que máis se reivindicou a importancia da celebración, o seu significado, as súas implicacións de singularidade e identidade. Sen festa, houbo tempo para o repouso, e para as miradas cara o pasado, cara os comezos, dende Fisterra e dende Bergantiños.

De nenos, cando xeralmente só rebuscabamos entre os caixóns vellos para atopar máscaras perdidas de xeracións anteriores e atavíos que escondesen os rostros, eramos animados en certa medida polos maiores a ir «correr o entroido». Era un ánimo que viña de atrás, que parecía ter certo aquel de tradición, coma se o que nos mandasen facer tivese máis importancia da que nós lle dabamos, posto que só o entendiamos como unha mera diversión. Hai cousas que traspasan os anos e chegan a un punto no que merecen pensamento. É de valorar que, estando as cousas como están, a inmensa maioría dos Concellos da Costa da Morte optasen por promover certames virtuais para levar algo de alento entroideiro ás casas.

É certo que non será cousa de grande traballo, pero menos sería o ter estado quedos e parapetados detrás da apatía que trouxo a pandemia. Se a iniciativa merece algo de recoñecemento, máis o merecen aínda eses centos de persoas que, coa que está caendo, foron quen de coidar con humor e imaxinación as súas propostas. Non foi o entroido que ninguén tería pensado, pero foi entroido, ao fin e ao cabo. Non deberían sentar mal estas doses de alivio no medio de tanta inquedanza: certo é, tamén, que entroidadas hainas todo o ano.