Plumas con mando | A Costa da Morte: un privilexio a potenciar

Xosé Luis Penas Corral

CARBALLO

BASILIO BELLO

Ao longo deste ano actuarase no Forno do Forte, nas Torres do Allo e no Dolmen de Dombate. Escribe o deputado provincial Xosé Luis Penas Corral 

10 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando falamos da Costa da Morte referímonos a unha parte do noso país en que se acumulan sensacións: praias, faros, lendas, cantís a súa xente, etc... Falamos dun patrimonio histórico, artístico, humano, social e mesmo económico do cal moitas veces non somos o suficientemente conscientes. Aludimos a unha parte do noso territorio físico e mental que nos traslada das historias recentes a outras do pasado, que nos guía do real ao imaxinario, que é capaz de facilitarnos un berce de esencias que moitas veces damos por perdidas. Só precisamos volver para sentir e tocar a maxia que se respira entre a brétema, o nordés, a salitre e as pedras.

É un privilexio que desde a Deputación da Coruña poidamos xestionar e poñer a disposición das viaxeiras e viaxeiros que buscan na Costa da Morte un punto de referencia diferente ao ruído e ás présas que nos envolven no día a día. O compromiso que adquirimos, xa hai máis dun ano nesta institución, foi o de protexer, potenciar, mellorar e, sobre todo, conseguir que o patrimonio da Costa da Morte sexa de todas e todos.

Un gran museo para os oleiros

No ano 2021 este traballo vai ter continuidade coa musealización, actualización e dixitalización de gran parte do mesmo. Estas actuacións, que comentamos comezarán no primeiro semestre no Forno do Forte (Buño), nas Torres do Allo (Zas), e, por suposto, na que consideramos a nosa catedral, o Dolmen de Dombate, no municipio de Cabana. Queremos facer do Forno o gran museo das oleiras e dos oleiros, o centro de referencia que tivo que ser hai tempo e que poida tamén servir como revulsivo económico para unha comarca castigada neste ámbito.

Dombate ten que ser o templo da investigación, da ciencia, da arqueoloxía, da astronomía. O noso traballo vaise centrar no patrimonio físico máis tamén no patrimonio do coñecemento e por iso estanse a organizar unhas xornadas científicas, que chegan para quedar e que completarán e complementarán a xa tradicional programación cultural. Non se pode entender a conservación e valoración do noso sen o coñecemento e a pedagoxía previa que tantas veces achamos en falta. Precisamos saber da importancia do que temos para valorizar o que somos e as institucións debemos ser as que impulsemos en todo isto. Temos de ser figuras activas para promover e protexer o noso patrimonio.

Na liña do que acabamos de mencionar e durante este ano, en colaboración cos concellos en que están situados, imos poñer en marcha actuacións en Vimianzo, tanto no Castelo coma nos Batáns de Mosquetín, e non esqueceremos outra xoia do noso patrimonio, neste caso natural, a Praia de Balarés, no concello de Ponteceso.

Unha nova ruta conxunta

A realización dunha ruta conxunta que abarque a todo o patrimonio da Costa da Morte será outra das nosas liñas de actuación, e que entre outras cuestións vai crear unha especie de cartilla coa finalidade de traballar na promoción turística, cultural e a dinamización económica da zona.

Non quero desaproveitar esta ocasión para afirmar que sempre foi un obxectivo traballar de xeito transversal, en todas as disciplinas, non é posible entender a xestión de nada sen todas as vertentes que afectan.

Entendemos, ao mesmo tempo, que as primeiras persoas beneficiadas dos recursos que poidan xerar a multiplicidade de actividades a desenvolver son os veciños e veciñas. Elas e eles son axentes protagonistas na conservación dunha parte moi importante do noso patrimonio.

Todas estas actuacións vanse ver acompañadas da incorporación das novas tecnoloxías a través do uso de formatos en 3D, realidade virtual, novos paneis informativos actualizados e accesíbeis... que permitirán achegar a máis xente e con todas as facilidades posíbeis o noso valioso patrimonio.

Desde a Deputación da Coruña queremos convidarvos a formar parte desta realidade, de todas as actividades e actuacións feitas e das que están por vir. Achegádevos a desfrutar, ver, sentir un patrimonio único nunha contorna única, como é a Costa da Morte.

Xosé Luís Penas Corral é deputado provincial de Patrimonio e Contratación.