Emigrantes

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

No que está a punto de ser o Nadal máis raro (e triste) dos últimos decenios, hai aspectos que ás veces se pasan por alto nesta realidade tan poliédrica e cambiante cada semana, derivada do covid. Noutras comarca galegas non ten tanta incidencia, pero aquí vai ser o ano con menos emigrantes dende os 60 polo menos. E cando falo de emigrantes falo dos de Suíza. Na miña época, chegado este tempo era a hora de dicir: xa veñen aí os suízos, xusto cando aparecían moreas de matrículas con BE ou GE ou ZH. Era unha frase inapelable, como cando en xaneiro alguén solta iso de que xa se lle vai notando aos días, ou xa van rematar as xeadas.

Desta vez, non. Xa non son os tempos que eran, pero seguen sendo datas cruciais para moitísimas familias, que agora están desconcertadas sobre o de vir ou non vir. Que se facer noite en Francia ou España, que se horarios e toques de queda, que se PCR ou outras probas, que as corentenas ás idas ou ás voltas... E que se ao chegar aquí van ter as limitacións (como todos) de non poder xuntarse coa súa xente, ou que se o avión a ver se vai cancelar (e iso que acaban de aumentar as rutas outra vez, pero tampouco tanto). Hai moito desconcerto, pero eu con algún xa comento que ata o temos aquí con cousas que aínda non pillamos de todo dun concello a outro, para canto máis eles.

Días, complexos, dende logo, tamén nun país tan eficaz e serio como Suíza (e iso que resistía moi ben ao primeiro), no que o covid tamén fai estragos, e iso que alí a base para facerlle fronte é máis forte. Empezando pola económica: coa que está caendo, e aínda hai algún cantón que ten só un 0,8 % de paro.