O efémero da vida

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

21 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai casualidades que nos fan rectificar. Hai uns días, a miña compañeira de traballo ríase dunha mensaxe que lle acababa de enviar súa nai. Dicíalle que estaban ensilando e que tivese coidado ao chegar á casa. As dúas falamos do esaxeradas que son as nais, preocupándose seguido. A miña acostuma chamarme moitas veces, aínda que sexan traxectos curtos de apenas media hora. Quere saber se cheguei ben e, cando quedo en chamarlle e non o fago, anóxase por un bo tempo. Ás veces, respóndolle que se me pasa algo xa avisarei. Se iso acontecese, quizais non puidese facelo eu mesma.

A Costa da Morte, en apenas unhas semanas, perdeu dous mozos moi novos. Asusta terriblemente pensar no seu pasamento, con tan pouca idade, con toda unha vida por diante. A vida, algunhas veces, resulta moi inxusta. Iso fai que reflexionemos obre o efémero da mesma. O gran problema do ser humano é que esquece moi axiña e debíamos ser conscientes dos accidentes de tráfico moito máis do que o somos. Truncan por desgraza demasiadas vidas e deixan feridas que duran por sempre.

Vaia dende aquí o cariño para eses pais que perderon o ben máis prezado que podían atesourar. Por moito que medremos, nosos pais sempre nos verán en pequeniño, coa mesma ilusión ca cando nos arrolaban nos seus brazos. Quizais esa é a etapa máis feliz e despreocupada de calquera ser humano.

Falabámolo a miña compañeira e eu o outro día. Non nos aborrecerá nunca máis a chamada de nosas nais ou os seus avisos de que teñamos coidado. Sentir a súa voz cálida ao outro lado da liña é o recordatorio de que a vida é moi curta para non demostrar o amor sincero.