Luces de Nadal

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

18 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Falaban o outro día de que nunha leira da zona intentan controlar as incursións dos xabarís coas bombillas da árbore de Nadal. Se iso é certo, a que espera Sogama para darlle un premio de reciclaxe. E o colexio de enxeñeiros industriais, outro, por levar ata alí a corrente, agás que se nutra dun xerador de gasóleo (a ver se é daquela o seu ruído o que espanta aos animais), ou de placas fotovoltaicas, como as que teño visto no medio de campos de millo de Valenza.

Sexa como fose, se hai algo que non cambia nunca na nosa terra é a loita contra o xabarín nestes meses de agosto e setembro (e antes, en xullo, contra o porco teixo: aínda hai quen os confunde). Marchou o de sachar, o das fabas, as aveas e o trigo, a herba seca clásica, sementar ao xeito de sempre e o mesmo para recoller (tamén hai para quen non marchou, aínda que somos os raros). Pero, ollo, vixiar o xabarín pasa de xeración en xeración. Deben ser tantos xa correndo polo monte que se organizan en quendas. Lembrar aquelas radios acesas pola noite fainos vellos: que obsoleto! Xa non digo prender as cachelas de noite pola beira dos cadullos, pero iso non é historia: é profunda nostalxia que xa nunca se repetirá.

O millo ten este ano outro depredador máis, os corvos. Si, xa sei que sempre atacaron con gula indisimulada as espigas maduras, case dende que son de leite (elas, non eu), e aínda así nunca tantos xuntos vira coma este ano, e tan organizados, picando con xeito os bicos das do mesmo rego, por cuadrículas. Creo que as leiras, os montes en xeral, corren máis lixeiros ca nós, ocupados noutros menesteres máis produtivos. Ou se cadra é que todo volve ao seu.