Milladoiros

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Tamén as redes serven para coñecer, protexer, valorar o noso patrimonio. Moitos escapan delas porque cada vez hai máis ruído, menos sustancia, pero todo é desbrozar un pouco, botarlle algo de interese: ao final aparece, como se fosen quitando de diante as fieitas sobre carreiros e esqueiros, e aí está no fondo a fervenza.

Agora no móbil, no ordenador, temos a diario grupos de xente que se preocupa por identificar e catalogar cruceiros, todos. Si, todos, e hai ben deles. Outros de campás, que en Galicia tampouco son escasas, e mesmo de reloxos monumentais. En fotos e publicacións imos vendo como están os castros, os dolmens, ata as vellas eiras (que marabilla as da volta de Berdoias). Tamén as alvarizas, por suposto, e antigos fornos e valados de pedra seca e ben plantada. Nada disto é mérito da tecnoloxía, senón da xente que emprega o seu tempo de lecer en recoller, se cadra para sempre, o eco dun tempo perdido, e que de súpeto se fai real, e algo imaxinario tamén pensando na xente que viviu, construíu e foi deixando atrás eses espazos. Estou seguro que o seu ADN ten moito no noso.

Así que, consello de verán que tamén vale para as outras estacións: buscade a beleza, que dicía Trecet, neses anaquiños e historias que de súpeto se nos amosan nas nosas pantallas, ás que xeralmente dedicamos segundos de pase lixeiro, consumindo información como autómatas. Detédevos algo máis para ollar esas construcións, esa riqueza secular e á veces milenaria que temos derredor e agora tamén na man. Creo que é un bo milladoiro virtual de coñecementos, moito máis útiles que eses absurdos de pedriñas que se deixan por aí.