O escaravello da pataca

CARBALLO

ALBERTO LOPEZ

Este bechiño señorea agora co seu traxe de nobre presidiario en sable e ouro por medio mundo

13 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este bechiño, que na súa orixe nin comía patacas nin cruzaba máis aló dunha pequena parcela da fronteira entre México e USA, señorea agora co seu traxe de nobre presidiario en sable e ouro por medio mundo, despreocupado de ningún depredador, ata volverse tan prolífico que chegou a converterse en rompedoiro de cabeza para os agricultores.

Realmente el non ten a culpa de que non lle queiramos. Como todo ser vivo come, vive, reprodúcese e adáptase ás circunstancias sen pedir permiso. O amigo Xulio, nos retomados parladoiros, cóntanos como sendo alumno de Filosofía e Letras, houbo de comentar un texto apócrifo, no que se lle botaba a culpa da fame que sufriron os irlandeses entre 1845 e 1848, provocando a máis grande vaga emigrante da súa historia. E o certo é que o pobre escaravello pouco ou nada tivo que ver daquela; e se tal fose a culpa sería de quen o trouxo, pois el polo seu pé non daría chegado.

Tamén lembra o noso amigo como lle contaba o seu mestre de pasantías, con máis fantasía ca realismo, que cando foi presentado en Europa, admirárono como se se tratase dunha nova especie alieníxena con quen asinar un pacto de hospitalidade, con tan emotivas palabras que moitos dos presentes desexaron ter un escaravello da pataca por mascota, e ata crearon terrarios especiais para eles coa súa pataca en flor no medio -narraba o imaxinativo mestre-.

O que Xulio non lembra é a data de tal presentación, se realmente existiu, nin onde tivo lugar, seguramente porque cando o fantasioso profesor, amigo de xerar lendas, lles contou tal acontecemento, preocupábase máis de recrear a suposta emoción das testemuñas de tal acto ca de comprobar os datos cronolóxicos que testificaban o insólito visado outorgado por uns pouco ou nada previsores entomólogos. E o escaravello pasou de ser curiosidade científica a praga agrícola. Concluía.

No mesmo acto de presentación -contaba o imaxinativo narrador-, un dos oradores chegou a dicir del que era o enlace entre ambas orelas do Atlántico, esquecendo que o verdadeiro enlace de irmandade entre ambas era a pataca que erradicaba a fame e o escaravello, como se demostrou co tempo, o seu predador. Aínda así, dado que os discursos exaltados son contaxiosos, arrancaron daquela unha salva de aplausos de benvida ó amosalo como un novo membro da fauna invertebrada local, sen decatarse de que un dos principios da ecoloxía é limitar a introdución de especies foráneas máis aló do imprescindible.

Pouco a pouco, os moi larpeiros, afeccionáronse tanto ás pataqueiras que non lle poñían cota ó seu estómago; e tan ben se afixeron ó novo gusto culinario que o benestar estomacal, como soe acontecer, animou á comodidade da sesta postenchente, e de paso a unha procreación sen control, para que as droguerías fixeran o seu negocio coa venda de pesticidas.

O que ningún dos presentes no noso parladoiro lembra é se na colección do naturista galego Víctor López Seoane, morto no 1900, hai algún, o que nos daría noticia da súa presenza en Galicia; o cal non quita que, hoxe por hoxe, sexa amplamente coñecido e motivo de preocupación, sobre todo desde que, durante e despois da Segunda Guerra Mundial, se estendese por todo o continente europeo, provocando arrevesadas crises diplomáticas cando se culpaba ós ianquis de ser quen bombardeaban con escaravellos os campos de cultivo durante a Guerra Fría. Non queda claro se para provocar unha baixa produción de patacas e tomates ou para vender algún insecticida sintético.