No Nadal, unha compañía de telefonía móbil utilizaba un slogan que dicía algo así como que estes ían ser os inesquecibles anos 20. Podemos dicir que polo menos había tempo que non se recordaba un 17 de maio tan atípico. Quizais resulte tan estraño como o autor deste ano: Calero. Estrañeza que se percibe nos seus libros, esa intimidade, ese matiz político e social que denota, por exemplo, Scorpio. Cando collín hai anos nas miñas mans o libro, fíxeno con prexuízos. O primeiro e máis grande era o estilo reintegracionista tan marcado. A segunda era que me advertiran dun estilo narrativo pedante, lento. Confeso que me namorei da escrita do autor dende o primeiro instante, de Sagitario, de Scorpio, das súas amantes ou das empedradas rúas de Santiago que me facían sentir o bule bule da vida universitaria.
Por iso, non puiden estar máis feliz cando este ano foi para el. Penso que foi un paso trascendental para a aceptación das diferentes vertentes da Lingua Galega, das diversas posicións que adopta. En vez de censuralas, constitúen unha fonte de riqueza magnífica.
Xa de por si, os galegos temos un tesouro inherente ao noso nacemento, podemos falar dúas linguas dende pequeniños. Sen deixar de contemplar tampouco que non hai un galego, máis ben centos de variantes. Non é igual o galego dos Ancares ao da Costa da Morte. Podemos designar unha cousa con ducias de vocábulos. Por iso, habemos de ter o deber de loitar contra as interferencias lingüísticas, pero intentando comprender a grandilocuencia que teñen as linguas, pois conforman unha parte case indeleble da idiosincrasia dos pobos.
Calero ata tivo un ano das Letras coma el, irreverente, deses que deixan recordo. Non podía ser menos.