O millo, patrimonio e sustento

CARBALLO

17 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O millo non é un patrimonio propio de Galicia, ou si. Sabemos que foi traído de América, e a primeira referencia que temos del remóntase ao ano 1610, na comarca do Barbanza, pero... hai 410 anos. Como non o imos considerar como patrimonio galego con tanto tempo entre nós, cando estamos considerando como tal o modernismo de hai cen anos ou a arquitectura moderna dos anos 70 do século pasado?

As convencións internacionais establecen a idade de cen anos como o punto de partida para considerar algo como patrimonio cultural, material ou inmaterial. Na miña opinión, é patrimonio todo o que arraiga no pobo, e o millo foi quen de seducir a millóns de galegos para deseñar edificios expresamente para gardalo. Quitando a provincia de Ourense, na que o millo se seca nas propias solainas -balcóns orientados ao sur- das casas, somos a rexión con máis cabazos do mundo, disque 30.000 dun total de 70.000 que hai por toda Europa e Asia, sen considerar como hórreos os pataka de Nova Zelandia.

Como non o imos considerar patrimonio se durante moitos anos o agro galego estivo vinculado aos foros, un réxime no que os labregos tiñan que aportar parte da colleita ao señor feudal da zona ou á Igrexa, que mirado polo lado positivo nos deixou fermosos exemplares de gran capacidade, orgullo de ter os máis longos do mundo?

Patrimonio efémero

Con todo, o millo non deixa de ser un patrimonio efémero, que talvez poida ser considerado como o inmaterial do patrimonio construído, que serían os graneiros. Algo do que temos que estar orgullosos, porque foi o sustento e a base alimenticia durante séculos, que talvez hoxe poderiamos mantelo vivo, como fan os portugueses.

Porque non esquezamos que un cabazo sen millo é como unha casa sen xente, obxectivo da rapina ou do espolio, que moitos ven como un artefacto inútil, que aínda non pague impostos non serve para nada. Cando menos, serve para almacenar outro tipo de obxectos, se non temos millo. É tamén un símbolo de identidade, ben distinto en cada rexión, porque pouco teñen de parecido os cabazos de Fisterra cos canastros ourensáns, ou cos hórreos da Mariña lucense. Sendo todos unha tipoloxía arquitectónica única, a súa configuración é distinta, porque distintos son os materiais da terra, e distintas as técnicas ancestrais e o coñecemento dos seus autores, que poucas veces traballaban baixo a dirección dun arquitecto, como no caso de Carnota.