Mira que me criei no medio das leiras e das vacas, pero tiven mala sorte para as tradicións actuais de novembro, sobre todo as destes días: non pillei nin a primeira. Tíñalle medo ir ao cemiterio na véspera dos Santos (sexamos sinceros, todos lembramos aos defuntos o 1, o día antes, por moito que o día sexa outro), pero non por ver mortos, que por suposto non se ven, senón por se me tocaba axudar a limpar os nichos. Francamente, gana de traballar non había.
Tampouco me tocou ver as cabazas abertas e con lume dentro. Non digo que antigamente si pasase, ou noutras zonas de Galicia, pero do que eu lembro, e xa vou tendo canas abondas, nada. As cabazas danse ben nos herbais nos que botaches esterco, pero a nós, non sei por que, sempre nos saían con moita auga, e nin os porcos as querían. Creo que, en parte, porque os porcos cada vez son máis finos, igual que os gatos e a xente.
Os mortos, por suposto, non se aparecían un día coma hoxe. En realidade, podían vir calquera día: a Santa Compaña, que na miña zona é a Rolda e noutras a Estadea. Os nosos avós son as últimas testemuñas da súa aparición, case sempre na ida ou volta de moer no muíño. Supoño que a vían por fame, ou psicose doméstica. Pero controlada: as almas en pena eran sempre as da mesma parroquia (parroquia de vivos e de mortos, xa se sabe), impensable que fosen doutra. No peor dos casos sempre había con quen falar do Purgatorio.
A morte, terrible, dolorosa, sempre a vimos con naturalidade. Nos velorios, no xeito de falar, na asunción plena do inevitable. Hoxe xa non pasa, e algún nenos xa a ven como unha fantasía. E non é así.