Faro de navegantes, facho contra invasores

Luis Giadás

CARBALLO

Andainas Coñece a Costa da Morte, por Ponteceso | «Chegados á Ribeira, os expedicionarios ven o oasis na Torriña e alí brindan polo periplo. Foi un excelente broche para unhas andainas que axudan a coñecer e amar a Costa da Morte»

11 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado sábado, día 8, varios centos de persoas arremuiñábanse ó redor da capela da Virxe do Faro e ascendían olimpicamente os 133 chanzos que serpentean o Monumento ó Sagrado Corazón de Xesús.

Eran os participantes da derradeira Andaina «Coñece a Costa da Morte 2019», sétima edición, na que tocaba percorrer o concello de Ponteceso. Tras unhas semanas de fogaxe e de cicloxéneses explosivas, Nosa Señora amparou ós camiñantes cun manto grisallo e fresco que permitiu o paseo.

A Virxe de Brantuas tanto foi faro para os mariñeiros como facho para os potenciais invasores: De aí a especial devoción que lle teñen os cormeláns, cuxas mulleres mudaban as tellas da capela, cando o vento ía de capa e non deixaba arribar ós seus homes ó reparo do ancoradoiro do Osmo; de aí a súa posición estratéxica, abranguendo dunha soa ollada a costa dende Arou ata Cabo Prioriño… Cando albiscaban lume nesta última Punta, acendían a cachela de carabullos e xestas no altor da capela, avisando da presenza inimiga ás Atalaias de Corme, Laxe e Camelle (por algo se chama «Vixías» unha leira ó pé da ermida).

Baixada entusiasta

Despois do pre quencemento coa subida e baixada do Monumento, os entusiastas paseantes baixaron -a ritmo lexionario- a costa que abeirea a capela, por onde, disque, estaba o Hospital de romeiros que pernoctaban a véspera da festa do 8 de setembro, cando subía a Virxe dende a parroquial de San Xulián. Preto das Rozas da Barda, atópanse con anacos da calzada costeiras, onde resoaran -aló polo S. XVII- os cascos dos cabalos das cinco compañías do Conde de Altamira que patrullaban dende Muros ata A Coruña, en previsión dun desembarco berberisco, francés ou inglés… Que todos nos tiñan ganas!

Cruzan a estrada Ponteceso-Corme pouco máis abaixo do Chan de Portas, caendo sobre Guxín de Arriba, paralelos ó Camiño Real que seguían os peregrinos ó Faro, e ó Camiño da Rebimbada. Pasan O Campo e Guxín de Abaixo, saíndolles ó camiño un río de lavar. Baixando Semonte, sorpréndenlles dúas fontes ben labradas e outro río de lavar.

Atravesan A Escobia, co seu baril cruceiro, a capela de S. Xosé (coa xa descifrada inscrición) e a arruinada reitoral. Baixando As Areas, achéganse ó feiticeiro Muíño do Perillán, sobre o Río Cuíña. Repoñen forzas no areal da Hermida e tornan a cruzar o Cuíña ata o Paraxe da Chea, onde xorde a Praia do Osmo. Cruzan cara o Río de Arriba e O Cubelo e, a partires de Bostelo, todo será costa arriba, contornando Corme Porto, coas súas privilexiadas panorámicas: A Regadiña, Pedras Miúdas… Entre o Petón de Tobías e o Petón Froito, baixando polo Barreiro e A Atalaia ata xirar no Coido de Carabandufe pola Cetárea. Chegados xa á Ribeira, os expedicionarios ven o oasis na Torriña e alí brindan por tan exitoso periplo.

Foi un excelente broche para unhas Andainas que axudan a coñecer e amar a Costa da Morte, o territorio pondaliano.