«Temos un poeta en cada aldea»

EDUCACIÓN | Celebrado no IES de Baio o segundo faladoiro do ciclo «Ao son do rural»


Carballo / La Voz

O escritor chantadino Rafael Lobelle, docente en Mazaricos, saíu onte do instituto Maximino Romero de Lema de Baio convencido de que o que alí fan debe poñerse en valor. Celebrábase o segundo faladoiro do ciclo «Ao son do rural» e el, ademais de confesarse agradecido por ter aprendido «moito», considera tamén que é difícil atopar fóra das cidades un centro con semellante actividade.

Ante os rapaces puxo de manifesto como toda a súa escrita está influenciada polo mundo rural: «Estando, vivindo e creando a partir do rural pódense facer moitas cousas importantes». Lobelle quixo trasladarlles que teñen moita máis riqueza da que pensan: «Somos un país de artistas, temos un poeta en cada aldea e xa nos falares da xente hai unha riqueza fundamental». O caso de Matilde Vilariño, poeta de Borneiro (Cabana), foi para el o exemplo claro de como os máis novos han de valorar o saber dos avós. «Contou como ela escribía poemas que botaba ao lume e como un día o seu neto lle dixo que iso estaba ben, o que facía. Non hai máis que dicir». Poemas que non foron ao lume é o título que aglutina esas pezas non queimadas: tamén Vilariño foi unha das protagonistas do faladoiro de onte, ao igual que Lola Schutz, murciana e docente no propio instituto dende hai xa uns tres anos.

Para ela, segundo valoraba ao concluír o acto, foi unha tarde familiar e «entrañable». Preguntáronlle alí cando comezou a escribir, que cousas a inspiraban ou que a motivou a narrar sobre un país de tan lonxe, a Arxentina, na novela Austroatlántica. Loa este ciclo que pon en valor a vida cerca da natureza: «Se apuesta poco por las zonas más pequeñas y cuando se hace, es de forma muy cuestionable, a costa del medio ambiente, del paisaje, de los valores intrínsecos del rural».

Manuel Maseda, director do IES baiés, considera que «Ao son do rural» está xa consolidado como referente que valida o concepto de comunidade educativa e a aprendizaxe dos maiores por parte dos máis novos. «Cultura dende unha perspectiva de orgullo», sinala.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Temos un poeta en cada aldea»