Sempre desconfío desa idea de que a mocidade está perdida. Os mozos de 22 anos aos que eu lles dou clase adoitan ser xente con modais e respecto. E iso é así desde que son docente universitario, xa hai case dúas décadas. Os cambios non están na actitude dos rapaces, senón en como os adultos os preparamos.
Hoxe, os rapaces non preservan case ningún dos referentes da identidade galega moderna desde o Rexurdimento. Para demasiados deles (non para todos), Galicia é a empanada, a paisaxe e o aeroporto de saída. Convertéronos en carne laboral submisa e empaquetada. Decátaste do vulnerables que van ser por culpa diso. Iso ten culpables, e non son eles.
A nosa identidade persoal vai moito máis aló de nós mesmos. O que nos fai fortes e nos protexe son os vínculos cos demais: coa familia de sangue ou a procurada, co grupo de amigos, a parroquia ou o país ao que queremos pertencer. E hoxe en día hai aínda máis identidades.
Dise que a mocidade non está interesada na política. Será na política convencional. Eu observo con orgullo como moitas das miñas estudantes (si, elas) desde hai un par de anos preocúpanse da súa propia condición: saben que o futuro mellor que buscan só poden conseguilo de xeito colectivo.
A cultura de toda a vida está chea de xente maior, pero as manifestacións de hoxe escacharán de rapazas novas que se queren sentir parte de algo. Que inxusto sería menosprezalas por tentar buscar o seu camiño nun novo mundo. Que mágoa que haxa tanta xente que non queira entendelas.