Todo palabras

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

04 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

El díxome no medio da conversa estadullo. Estadullo, señores. Trastornada pola ausencia de significado que me provocaba a palabra quedei pensativa. Arrisquei, fixen unha aposta e pregunteille se me falaba dun cavadoiro. Desconcertei ao opoñente, el non sabía de que lle estaba falando. Semellaba unha loita dialéctica sen precedentes. Palabras que nos soaban foráneas, asépticas a cada un de nós. E estabamos falando os dous en galego e, ao mesmo tempo, en dúas variantes lingüísticas diferentes: a occidental e a central.

Descubrín a través da web do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués que un estadullo viña sendo un fumeiro, eses paus longos que se poñían nos carros para asegurar a carga. El, desconfiado ante o cavadoiro, descubriu que era unha ferramenta que na Costa da Morte, de forma case única, chámase así. O galego ten unha riqueza inmaterial tan inmensa que para designar unha mesma acepción existen ducias de sinónimos que, ás veces, inducen a dúbidas lingüísticas. Diso sabe moito Santiago Garrido que na súa faceta de fotógrafo enxalza con curiosos pés de foto o léxico do rural que se está perdendo.

E digo ben, estase perdendo. Hai palabras locais, singulares e tan específicas nunha reducida zona xeográfica que están en continuo perigo de extinción. Moitas delas tamén ligadas a oficios desaparecidos pola modernización e os novos tempos. Non se me ocorre mellor medio de preservación que falar con propiedade e seguir transmitindo na oralidade as palabras que usaban os nosos antepasados. Eludir os castelanismos e coidar as palabras con deleite.

Na nosa conversa sobre estadullos, fumeiros ou cavadoiros, ao fin, todo eran palabras nosas.