23 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

reverberación é un fenómeno físico xerado pola reflexión do son en espazos pechados que consiste na súa permanencia trala súa emisión. Pódese definir tamén como a reflexión múltipla dunha frecuencia. Nos espazos pechados, chéganos cada son dende o seu emisor a través de dúas vías: unha directa e outra reflectida. O segundo créase a partir de rebotes do son principal en obstáculos, como por exemplo, as paredes dun recinto. Cando o son reflectido é intelixible para o ser humano como un segundo son, denomínase eco, algo que apreciamos moi ben nos túneles.

Nas cidades antigas apenas se daba este fenómeno nas súas rúas, porque ademais de ter as casas máis madeira nas fachadas e ser o chan máis permeable ao son, as casas eran baixas e rapidamente se disipaba no aire, sen chegar a percibilo. Esas mesmas rúas, 50 anos despois, teñen edificios moito máis altos e con materiais menos absorbentes (aluminio, vidros grandes, elementos metálicos) e os pavimento das rúas é tamén máis reflectante, polo que se produce a reverberación.

A molestia para os veciños increméntase cando nesas estreitas rúas con edificios altos e paramentos reflectantes se producen ruídos -concepto distinto do son- como os de multitudes bebendo na rúa, terrazas e coches. Temos feita algunha medición en rúas estreitas con tráfico na que a presión acústica chegou a dar os mesmos decibelios que nun aeroporto, na zona de despegue. Son consideracións que moitas veces non se teñen en conta no deseño urbano, tampouco nos plans de mobilidade ou de usos, e que exercen molestias á cidadanía.