Medio século indo de viños por Baio

A «Cooperativa da Unha», así nomeada pola hora na que adoitan saír de tapas, celebra este sábado o seu 50 aniversario. Varios membros falan dos seus inicios


Carballo / La Voz

Na Cooperativa da Unha non hai estatutos, nin cargos directivos, nin tampouco cores políticas ou distincións futbolísticas. Non hai requisitos especiais para entrar a formar parte do club, máis que ser convidado por un membro xa integrado. Tampouco hai límite de idade -nin para arriba, nin para abaixo- nin particularidades respecto á procedencia de cada quen. «Por aquí pasou xente de todas as partes do mundo», apunta Juan Mira (Juan de Calabanda), membro.

Entidade ben especial é esta, sen dúbida, pola que pasaron ducias de baieses nos últimos cincuenta anos. Constituída en 1968 por persoeiros como «o doutor Maroño, Pepe Astray, Pepe de Valiña, Moncho Fuentes, Pepe Díaz, Paco de José María, Evaristo da Agraria ou Santiago Chapista», segundo enumera Miguel Reymúndez, a Cooperativa da Unha celebra este sábado unha comida polo cumprimento deste medio século. Será no Hostal Miñones, onde se reúnen cada sábado dende que pechou a Casa Cruz. Primeiro celebrarán un oficio relixioso (13.00) no que entregarán unha flor aos familiares de cada membro da cooperativa falecido. Quen desexe apuntarse pode facelo ao longo do día de hoxe, abonda só con poñerse en contacto con algún dos membros da entidade, como o propio Reymúndez ou Juan Mira.

Máis, seguramente se pregunten: ¿A qué se dedica exactamente esta cooperativa? Pois ben, os seus membros, os cales non teñen contabilizados, reúnense cada sábado e, tras aportar unha cantidade unitaria por barba, toman os viños. Primeiro foi na desaparecida Casa Ovidio, despois en Casa Cruz, que pechou as portas hai tan só uns meses, e agora trasladáronse ao Hostal Miñones. Aportan seis euros cada un, gardan un para un bote común (despois emprégano para facer ceas ou comidas especiais) e cos 5 restantes toman un viño e participan nunha comilona. «Estas casas nunca quixeron gañar cartos con nós, e comprobámolo no verán, que facemos nós mesmos a comida e compramos o viño, e vemos que nos sae moito máis caro», dicía onte Pepe Mira.

Unha das últimas reunións que tiveron, no Hostal Miñones de Baio
Unha das últimas reunións que tiveron, no Hostal Miñones de Baio

Nada de tacaños

O nacemento desta entidade responde a un único motivo: a tacañería. Nas xuntanzas semanais (ou mesmo diarias, como o eran antaño) sempre acababan pagando «os mesmos: cinco ou seis persoas», así que decidiron que cada un aportase unha cantidade cada xornada de viños e que así o gasto fose equitativo. Unha única norma, e ben sinxela de levar a cabo. De feito, nestes 50 anos só expulsaron a un membro, e precisamente por ser un rañas e non querer pagar a súa parte nunha cea. «‘Aquí temos que cooperar todos’, dicía o Maroño», comentan varios membros.

Devoción pola caldeirada

Malia que na actualidade é un auténtico produto de luxo, naqueles primeiros anos setenta había angulas a fartar, «baldes cheos delas», e era sen dúbida un dos pratos estrela degustados polos membros da cooperativa, xunto coa caldeirada de polbo e os calamares na súa tinta. «¡Cantos apuros pasabamos cando había eses pratos! Cando chegaban os últimos comer, polas tres da tarde, xa non quedaba abondo e tiñamos que improvisar na cociña. ¡Tiñan auténtica devoción!», sinala Teresa Rojo, irmá de Pepe Valiña e unha das responsables no seu día da Casa Ovidio.

Non gustaron moito, porén, os caracois que traían os veraneantes valencianos, e cos que convidaban á cooperativa e aos hóspedes da Ovidio. «Miña nai tirou a pota coa que os fixera», lembraba Teresa divertida. Algo positivo que sacaron da visita destes forasteiros: unha deliciosa receita de paella que cociñan de cando en vez nos veráns, nos que trasladan os bártulos a un vello almacén de viños de Pepe Mira. Alí cociñan eles mesmos unhas boas sardiñas, un saboroso churrasco... «O que toque», di o propio Mira, ao que os compañeiros definen como «a alma da cooperativa», xunto con Pedro Álvarez.

Nesta xuntanza que manteñen Miguel, Juan, Pepe e Antonio na antiga Casa Ovidio, sae a relucir un divertido conto. «Pepe [Valiña] convidou unha vez a uns gardas a unirse a nós, que estabamos comendo unha boa mariscada. Meu irmán, ao que se lle daba moi ben a regueifa, cantoulles: ‘Cando nos pasen a conta hanos de tocar a mil. Habemos de pagar todos menos a Garda Civil’. Metéronlle unha mirada... e marcharon», contaba Reymúndez.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Tags
Comentarios

Medio século indo de viños por Baio