A Deputación destina 124.000 euros para difundir e promocionar o cine en galego

caterina devesa A CORUÑA / LA VOZ

CARBALLO

cedida

A medida subvencionará a distribución de trece películas, entre elas «Sicixia»

02 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A área de Cultura da Deputación destina unha partida de cerca de 124.000 euros para a distribución dun total de trece películas en galego. Con esta medida pretendese dar acceso ao público a algúns dos últimos proxectos realizados na nosa lingua.

O organismo provincial explicou que se trata dunha iniciativa pioneira mediante a cal se permitirá que festivais, casas da cultura, cineclubes ou salas comercias proxecten traballos en galego. A nova liña de axudas persegue ademais facer fronte a un dos principais problemas cos que se atopa o sector cinematográfico, «a dificultade para a distribución e difusión dos contidos producidos». De acordo coa responsable de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, o ámbito audiovisual é «esencial para o fortalecemento da nosa cultura».

Nesta primeira edición son once as empresas distribuidoras e as produtoras que resultan beneficiaras da medida. As compañías recibirán unha subvención que cubrirá os gastos destinados a márketing, publicidade, dobraxe e subtitulado, así como a asistencia a festivais. En concreto, durante a convocatoria se proxectarán películas de recente éxito como Dhogs, un traballo dirixido polo lugués Andrés Goitera e interpretado por recoñecidos actores como Antonio Durán, Morrís; Carlos Blanco ou Miguel de Lira, entre outros. A lista completase coas obras A batalla descoñecida, O futuro da mente, Trote, Memorias dun home en pixama, A estación violenta, Co vento, O león dorme esta noite, Beautiful Boy, O desafío do Sil, Sicixia, Sea Bests e O soño de papá.

Dende a Deputación aclaran que a medida nace «do recoñecemento do campo audiovisual como ámbito estratéxico de creación de contidos culturais». Neste sentido, Goretti Sanmartín alegou que «a produción audiovisual é unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura». A Administración provincial contou para o desenvolvemento da convocatoria co asesoramento de Manolo González, exdirector da Axencia Audiovisual Galega durante o goberno do bipartito. Nas bases do programa destácase «a importancia estratéxica da existencia dun espazo de comunicación e cultura propio, vivo e que se desenvolva no noso idioma».

Entre as actividades que actualmente fomenta a Rede Cultural atópase Visións. Un proxecto co que a Deputación busca fomentar a difusión de contidos audiovisuais na programación cultural dos concellos da provincia facendo especial forza na promoción de produtos audiovisuais. Por outra banda, a iniciativa ofrece apoio económico aos distintos festivais organizados polos concellos da provincia como Curtocirtuito, Cineuropa, Carballo Interplay, Mostra Curtametraxes Vila de Noia, Chanfaina Lab de San Sadurniño o Cinema Crianza de Ames e a eventos como S9 o Freakemacine, promovidos por entidades culturais.

Ademais, o organismo publicou onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o listado de entidades sen ánimo de lucro que serán beneficiadas pola liña de subvención creada pola institución para promover políticas de mantemento de igualdade e contra a violencia machista.

A Deputación Provincial financiará cunha partida de 275.556 euros o traballo dun total de 33 agrupacións sociais que desenvolverán diferentes actividades para mellorar a empregabilidade, favorecer a conciliación familiar, fomentar a responsabilidade compartida, e organizar outras iniciativas que contribúan ao empoderamento das mulleres na sociedade.