Sempre me sorprenderá como na nosa pequena comarca aínda hai lugares marabillosos apenas pisados pola xente. E cando digo isto non é unha metáfora poética: non teñen nin camiño de acceso. Para chegar a eles hai que camiñar co instinto, co corazón (e, para que negalo, con Google Maps no móbil, que tampouco vén nada mal).
Hoxe escribo a contrapé este artigo porque os días son longos e fermosos, e baixo a suave chuvia da primavera achegámonos ao Lourido, máis alá da aldea de Moimenta. Vin este monumento de penedos o outro día desde o Castelo de San Mamede. O Lourido, alí abaixo, facía honra ao seu nome: un outeiro inzado de grandes penedos graníticos nos que o último sol da tarde facía avivar o seixo.
Hoxe subimos ata aló, sen camiño, orientados polo granito e o sol, e atravesando prados de fermosa carqueixa. Chegamos no alto ata un bosque de penedos e espenucas. E alí, nese outeiro de Lourido da parroquia de Tállara, considerado quizais erroneamente como castro, atopamos a sorpresa. Unha cruz de ferro coroa unha enorme pedra central. E, ao redor, trece petróglifos, trece cruces, nas pedras que o rodeaban: unha auténtica catedral na natureza. As cruces, pintadas de vermello e, no penedo central, un gravado se cadra dun sagrado corazón.
¿Quen subiu ata aquí para facer isto? ¿Que rogaba, que pedía? Detrás daquelas humildes cruces ocultas nas pedras gárdase unha historia se cadra non moi vella, pero que nos conecta, neste remoto lugar, coas crenzas dos nosos devanceiros de hai miles de anos.