Recoñecemento aos proxectos científicos

La Voz

CARBALLO

19 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras defender os seus proxectos de investigación e experiencias científicas durante a mañá de onte, a rapazada asistiu á tardiña á entrega de premios no salón de actos da Fundación, un acto que estivo presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, entre outras autoridades. Conde sinalou a necesidade de estimular a aprendizaxe das ciencias en xeral para preparar aos galegos e galegas para o emprego do futuro.

«O xurado valora cinco parámetros básicos: o rigor científico, a comunicación do traballo, o deseño do expositor onde o presentan, a orixinalidade do tema e a autoría, isto é, que non conten con moita axuda dos mestres, senón que aprendan a facelo eles mesmos», di Ballesteros.

Premiados

Deste xeito, o primeiro premio foi para un traballo do alumnado de Ourense, que versa sobre os sistemas tecnolóxicos para evitar a morte súbita do lactante, isto é, un berce que monotoriza ao bebé. O segundo dos galardóns quedou na casa ao recaer nun proxecto das aulas da Fundación Eduardo Pondal chamado Cero Lume, un sistema de alerta temperá de risco de incendio. Pola súa parte, os ourensáns resultaron dobremente galardoados, ao recibir o terceiro dos premios polo deseño do seu vaso especial para beber en emerxencias sanitarias. «Trátase de que o vaso depure auga ao beber», explica David Ballesteros, quen engade que este tipo de actividades realizadas no Couto son fundamentais á hora de animar aos rapaces na ciencia: «Todos os estudos pedagóxicos indican que a actividade que máis fomenta as vocacións entre nenos son as feiras da ciencia».

Música e café científico

A tarde de onte completouse cun café científico moderado por Jorge Mira, no que os protagonistas mudaron de cativos a maiores. «Trátase dun coloquio científico con chocolate e larpeira», explicaba onte Xosé María Lema, xerente da Fundación. Xa pola noite, a casa dos veciños acolleu unha clase maxistral do artista vasco Xabi Solano, e a actuación das Tanxugueiras, unha formación que está revolucionando a música galega, gañando cada vez máis e máis seguidores. Foi a súa primeira vez no Couto, onde tocaron algúns avances do seu novo traballo discográfico, que teñen previsto presentar o 3 de xuño en Compostela.

«As actividades que máis fomentan a vocación nos nenos son as feiras da ciencia»