Cando se celebran os días de..., sempre hai quen di, e con razón, que ese días teñen que ser todos. Non vale un. Ben, algo si: visibiliza, fai reflexionar e debater. Aí temos o que pasou onte co da muller, toda una marea que oxalá traia máis igualdade, pero estas loitas non son cousa dunha xornada.
Para min, todos os días do ano son os da muller traballadora, subtipo de idade avanzada e residente no rural. Cada un terá as súas. Todos, pero todos. A que me queda máis cerca, 90 anos recentes, estaba onte pola tarde apañando nabizas na leira, no medio de algo de orballo, que só me mollaba a min. Carrexou tres carretas ben cheas, seleccionou os mellores grelos para o caldo de hoxe e o resto picarao para os animais. Xa nota o paso do tempo: antes apañaba tamén todos os nabos, de paso, e agora só os máis gordos. Tamén é unha evolución do uso agrario, igual que ir recollendo as patacas cativas, co trullo, despois de limpo o rego.
Xuntou onte máis nabizas nunha hora ca eu en media vida. Se me cadra hoxe ver o caldo e eu lle quero sacar a pota da cociña de ferro, non me deixará facelo, «porque queima». Esas mans, tantas mans, poden con friaxes e calores, con toxos e con sachos, con horquillas e con baldes de auga fervendo. Cando me doe un dente, penso na xente coma ela que ía andando a Reparada para que lles arrincasen os seus e así poñer a dentadura postiza, e xa me pasa. Cando me canso ao andar, lembro como colle e collía os feixes de verzas ao lombo ou na cabeza, e xa non me canso máis. Seguro que, como a min, lle ocorre a moitos máis, que celebran todos os días poder ver e aprender da xente que realmente vale.