Ó son das ondas

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

Traba é un lugar onde o vento e o mar mexen os segredos dos tempos. É un espazo silencioso, como se mantivese unha débeda ou contas pendentes coa historia ou cos outros mundos. É aí, no val trabeiro, onde os bos relatos poden prender como prenden os bos repolos e as leitugas que se venden dende sempre na feira de Baio. Case a rentes do areal é onde Xosé A. Neira Cruz sementou a súa creatividade literaria para conseguir una gran colleita. Arrinca cun «segredo insospeitado e terrible» que garda a igrexa dende hai séculos. O sono das sereas é unha novela que lle acae a Traba coma lle acaen os penedos, a Torre da Moa, o areal das canoas ou a lagoa milenaria. Ninguén pode negar que este recuncho da Costa da Morte non é axeitado para la fantasía. A Casa do Sono e mais o retablo do templo parroquial, velaí un misterio profundo, un segredo mexido polo vento e polo mar durante séculos. Ata que chegou un crego novo, unha médica e unha restauradora de arte que acaban desenleando a mea, no medio dun mundo de preguntas e indecisións sobre a propia vida dalgúns deles. «A curuxa expectante, os coellos libidinosos, os paxaros nocturnos, os homes e mulleres peixe», unha Biblia negra no propio retablo do templo trabeiro, ao que non lle veñen de agora as fabulacións e as lendas. Un espazo, unha terra e un mar abonados a este tipo de misterios. Nin os naufraxios, nin as relacións co maligno, nin a non sempre doada relación entre a ciencia e a fe, nin os desvaríos significados da arte, nin os flirteos amorosos son alleos a esta obra, que mesmo acaba enleando á estirpe do Bosco. Unha boa novela para ler ao son das ondas.