Non sei moi ben que quedou en nós da catástrofe do Prestige, 15 anos despois do sucedido, máis alá das nosas memorias. Si teño bastante claro que, de volver a acontecer, moito do que pasou se repetiría. Na medida en que a estrutura de poder non cambiou, o localismo político aínda se acentuou e non houbo cambios reais na lexislación e nos equipamentos de seguridade marítima, é obvio que viviriamos de novo a cadea de despropósitos que todos lembramos.
Pero habería cousas distintas: para ben e para mal, as redes sociais volverían trending topic a marea negra durante semanas. Xa de aquela, Internet foi fundamental para comprender o gran movemento de solidariedade internacional que encheu de branco as nosas praias, nun dos primeiros casos no mundo nos que a Rede se convertía nun poderoso instrumento de organización social. E iso que non existían nin Facebook nin WhatsApp. Hoxe, co maior uso destas ferramentas, o impacto aínda sería moito máis crítico que de aquela. A maior lección foi ver que Galicia é unha xigante durmida. Chegara a aquel Aguiño asediado polo chapapote e emocionárame ao ver a toda a ría, organizada coma un exército prusiano, nas tarefas de limpeza do mar. Ninguén mandaba alí (aparentemente), pero todos sabían o que tiñan que facer para frear un futuro sombrizo. O mellor do que somos estivo alí. Co tempo, a xiganta volveu durmir á súa cova, como leva facendo durante séculos.
Pero a min quedoume a esperanza que calquera día poida espertar sen o chamado urxente dunha situación crítica, e todo cambie por fin.