Seguro que a vostede tamén lle pasa. Basta que alguén teña un gran na cara para que xa sexa imposible deixar de mirarlle ese vulto a esa persoa mentres estamos falando. Trátase dun comportamento de orixe biolóxica que xa os psicólogos alemáns de principios do século XX describiron nuns famosos principios indispensables para calquera persoa que traballe na comunicación visual. De acordo con eles, tendemos a prestar atención sempre ao diferente. Se hai centos de globos brancos e un negro perdido no medio, seguro que nos imos fixar máis no negro.
Conto isto porque hai xa décadas -décadas- que cada vez que paso pola nosa autovía do Barbanza, unha vez superada a primeira saída da Pobra do Caramiñal camiño da segunda, teño que aturar nun rótulo que ao noso benquerido río se lle chame «Pedrás» no canto do seu evidente Pedras. Cada vez que o vexo, súbeseme a bilirrubina. E hai moitos casos.
Na miña parroquia estradense de adopción, hai pouco puxeron na ponte un cartel que reza «Río Riobó». Un patriota parroquial preocupouse de mercar un spray da mesma cor que o fondo do cartel e, pola noite, rectificouno en «Río Bó». Cóntoo porque na autovía comarcal vólvese ás andadas. Nunha campaña de seguridade da DXT, os luminosos recomendaban aos «paxaseiros» que levaran posto o cinto.
É o que pasa cando as cousas da lingua se contratan fóra e, ademais, hai pouco respecto polo cliente. Pero non me estrañaría que en realidade se fixera en Galicia. Nese caso, seguro que ao artista ortográfico aínda lle parece mal que o felicitemos en público.