Dombate segue deparando sorpresas

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O colectivo A Rula constatou a existencia de nove gravados e máis dunha ducia de coviñas

27 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As conclusións aínda son provisionais, pero foron expostas onte na terceira sesión do Simposio Dolmen de Dombate, que se celebrou no centro de interpretación. O colectivo A Rula constatou, grazas aos estudos de fotometría, a presenza de nove gravados nas lousas da cámara do megálito. O secretario da entidade, Pablo Sanmartín, foi o encargado de explicar o resultado dos traballos da agrupación nas estacións de petróglifos da Costa da Morte e máis na anta de Borneiro. Así o viron nas súas imaxes en 3D realizadas en colaboración coa empresa UAV Galicia para entregar á Deputación: «Ata nove representacións do motivo denominado por E. Shee como The thing, con tamaños que oscilan entre os 54 e os 36 centímetros de longo. Hai cinco case iguais».

E non só iso, como amosou Sanmartín a través dun vídeo, «tamén se constata a presenza de coviñas en varios esteos, como na lousa de cuberta e no esteo desprazado que probablemente estivera pechando a cámara». Suman máis dunha ducia entre todas. Asemade, A Rula ten unha teoría: «A presenza de dúas cazoletas nun dos esteos da cámara que consideramos antrópicas ou ben naturais, pero retocadas e que normalmente se consideraron naturais». Probablemente, engaden, estean asociadas «cunha terceira que figura oculta no esteo contiguo». Ademais, o grupo ve a presenza de «pequenos trazos non documentados que poderían alterar a interpretación dos gravados».

Cos novos métodos de observación, este colectivo, que se dedica á investigación e divulgación da arte rupestre, confirma que os gravados de Dombate «foron realizados antes da construción do actual dolmen» e que posiblemente procedan de estelas ou doutro dolmen anterior. Explícase, dixo Pablo Sanmartín, non só pola superposición de pequenos restos pictóricos sobre deseños, «o que fai evidente unha secuencia cronolóxica, senón tamén pola situación dos gravados preto do canto das laxes», sinalou.

Ademais, algúns dos motivos están parcial ou case totalmente ocultos polas antes do lado. Incluso pensan que os esteos poderían ter más figuras previamente a ser empregadas en Dombate.

A forma de varias pedras do dolmen permiten aventurar a súa posible reutilización

A forma que teñen varias das pedras que forman a cámara do dolmen de Dombate permiten aventurar, segundo Pablo Sanmartín, «a súa posible reutilización, non só dos esteos gravados, senón doutros, como a lousa da cabeceira, cunha clara forma antropoide, moi semellante, aínda que evidentemente a diferente escala, aos pequenos idoliños da entrada» ao corredor.

Outra razón pola que pensan que as rochas do dolmen de Borneiro foron aproveitadas doutro uso anterior é que varios motivos do gravado principal (A Cousa) están superpostos uns aos outros, ata en tres casos.

Na intervención de onte, Pablo Sanmartín, que estivo acompañado por Antón Bouzas, comentou o estado de abandono de varias estacións de petróglifos da Costa da Morte, como é o caso da Pedra Ancha, que está a catro metros do Camiño de Fisterra e nin sequera está sinalizada. Ademais de valorar a riqueza da arte rupestre desta bisbarra, lembrou o próximo percorrido polas estacións de A Fieiteira e A Campaíña de Corme, así como o percorrido feito este verán por Berdoias (Vimianzo).

Trala pausa para o café, na xornada de onte tamén participaron os membros da Traskiband, que interpretaron varios temas, baixo o título de O Camiño dos faros ao seu paso por Dombate.

O xoves será a última sesión do Simposio, coa presentación dun documento inédito sobre o megálito por parte de Felipe Senén, que será presentado por Rosalía Fernández. Tamén haberá un obradoiro de historia.