Casas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Cada vez que vexo o cartel de que se vende unha casa en calquera parroquia, e vexo moitísimos na nosa comarca, é como se me petara algo dentro. Non debería importarme, é cousa dos donos. Eles saberán. Ademais, cada caso terá a súa historia: non poder atendela, familiares emigrados, sen herdeiros, necesidades económicas... Pero aínda formo parte desa xente para a que o de vender a casa é o último. Os maiores tíñano como unha vergoña, aínda que non houbese motivo para tal. ¡Non se vende nunca! Os pinos, e para. E as leiras, tampouco: en todo caso, permutas, aínda que tras a parcelaria as fincas xa se foron vendo doutro xeito. Foi unha revolución. Para algúns, non se vendía porque formaba (e forma) parte de nós. Entendo que a moita xente lle pareza estraño, pero xa pertences ao lugar no que naciches. Coñeces os espazos, os ulidos. Alí estaba a artesa, alí a hucha, isto é o que queda da pedra do lar, o chinero vello estaba aquí, naquel cornecho paríronte en riba da palla e dunhas mantas, as vacas tiñan aquí as comedeiras. No inverno por alí abaixo entra a auga, e por alí arriba, o frío. En marzo, o sol sae xusto polo Bico de Meda e nese mes os raios espertábante directamente nos ollos. Coñeces os sons, os que hai e os que había, daba igual a hora. Ata os ruídos do faiado, xa desaparecidos.

Unha casa, sobre todo nos nosos lugares, é iso, o cordón que te ata, por moi lonxe que te vaias. Sempre me sentín privilexiado fronte aos que vivían en pisos, malia o frío, a humidade, a falta de luz e de medios, mesmo coas cortes aínda dentro.

Por iso, cando se vende unha déixanse atrás moito máis ca catro paredes. Aí hai un cacho de vida en cada pedra.