O tufillo dos callos

José Rodríguez Cabeza

CARBALLO

Entre o 28 de agosto e o 1 de setembro vaise celebrar no Colexio Maior de Fonseca un curso de verán, auspiciado pola USC, denominado Slow Food, da soberanía alimentaria á certificación ecolóxica. A tradución de slow food sería comida lenta, pero a filosofía deste movemento é que se consuman alimentos saudables cos seus sabores xenuínos, recoñecido pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) como entidade de interese mundial para a recuperación e a salvagarda do patrimonio alimentario diante da perversa produción contra natura de alimentos artificialmente adulterados que están facendo estragos na saúde das persoas e tolerados, cando non auspiciados, pola neglixencia dos poderes públicos. Por exemplo, eu boto de menos aquel tufillo dos callos que agora non teñen polo tratamento que lle fan nos matadoiros.

Este tema é de suma importancia para Galicia, xa que nesta terra aínda é posible, como na película do seu nome protagonizada por Robert Mitchum, un retorno ao pasado, motivado, paradoxicamente, polo minifundio, algo que está sendo motivo de estudo e análise polo grupo de Investigación Sociedade Tecnoloxía e Territorio (GIS-T) da USC, que colabora activamente cunha interesante plataforma chamada Granxa Familiar, que achega ao consumidor esixente produtos agropecuarios ecolóxicos de calidade, tanto nas propias granxas como por Internet. Todo un gran reto galego que debería contar coa implicación da Xunta e dos concellos, dentro do que se chama a economía colaborativa.