É unha responsabilidade de todos


En todos os ordes da sociedade existen individuos que se apartan dos procedementos regulatorios establecidos para a propia supervivencia. Así é na política, na función pública, en calquera colectivo profesional, e na vida social e persoal. A representatividade das persoas que se apartan ou acatan esas regras comúns supoñen un excelente indicador da condición do colectivo e da sociedade que o envolve. No mundo da pesca a primeira consecuencia é a competencia desleal, prexudicando aos que si acatan a actividade regrada, incidindo de xeito negativo na regulación da xestión da produción e por conseguinte dos prezos e dos ingresos dos pescadores e mariscadores.

Outro efecto negativo do furtivismo é o que afecta á mesma supervivencia das especies. O feito de non respectar tallas ou períodos de reprodución, pode comprometer seriamente a viabilidade dunha pesqueira.

Hai que destacar ademais desde os anos 80 a importancia da seguridade alimentaria no que respecta á comercialización de moluscos capturados fóra dos períodos ou lugares autorizados coas consecuencias para a saúde, e para a reputación do produto e do sector.

Pero sen dúbida o efecto máis pernicioso, é o efecto de desmotivación e contaxio que xera en aquelas persoas ou colectivos que queren facer as cousas ben, e que prefiren sacrificar rendementos inmediatos a cambio de futuro.

A estrutura socio-económica da pesca de baixura e do marisqueo deixa en moitos casos a regulamentación en mans unicamente das Administracións, moitas veces cun excesivo celo regulatorio pechando as portas do aceso aos recursos ou ás habilitacións, máis difícil de entender polo sector canto máis lonxe está ou máis grande é a Administración, e, doutra banda, unha ancestral transixencia interna e autoxustificativa dos propios colectivos.

Se a todo isto lle engadimos unha crise económica, laboral e de produción pesqueira e marisqueira, faise máis difícil manter os tradicionais equilibrios, e hai que concienciarse de que os recursos mariños deben ser entendidos «como res publica» e deben ser respectados por todos, desde o produtor ao consumidor, e desde as Administracións, especialmente a europea, deben entender que en Galicia o mundo do mar é moito máis que un número do PIB. Así terá un futuro sostible a pesca artesanal e o marisqueo da Costa da Morte.

Por José M. Traba Biólogo y ex alcalde fisterrán

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

É unha responsabilidade de todos