Éche moi raro! Conclusión á que chegabamos Rubén Paz e máis eu mentres camiñabamos por un camiño de Lesón (A Pobra) para internarnos nos seus piñeirais na primavera do 2016. O avespón asiático, a famosa velutina, entrara polo noroeste de Galicia e rapidamente se estendera por toda a costa, afastándose dos invernos fríos e das xeadas do interior, pero sen que aínda observaramos a súa presenza no Barbanza. Pero en cambio si a había en Vilagarcía, e Rubén dicíame que Canido, ao sur de Vigo, estaba cheo dela. Non facían máis que sacar os seus xigantescos niños de calquera sitio, incluídos árbores no medio do patio dos colexios. Pero no Barbanza aínda non víramos aínda unha desas. Nese mesmo momento, un avespón asiático apareceunos de cara pola nosa esquerda coma bo viandante e sen minorar a súa velocidade; pola súa tranquilidade ben parecía que levaba debaixo das ás os papeis de estranxeiría e unhas escrituras de propiedade que dicían que chegara para quedar.
Hai tres anos, conducindo polo cinto de Burdeos en outono, nos ameneiros e nos carballos aparecían estruturas moi grandes, coma feitas de papel gris, algunhas enormes, de máis dun metro de lonxitude, que nas árbores de folla caduca podíanse ver a centos de metros. ¿E qué será iso? -preguntábame-. Vale que esteamos en Francia, pero a costa occidental do sur deste país ten moitas similitudes con Galicia, mais eu non lle daba posto nome a aquilo. E aí foi onde vin por primeira vez a capacidade de expansión masiva da velutina, dende aquela autovía cada pouco aparecían a un lado e a outro niños e máis niños.
Depredadores especializados
A cousa é que a Barbanza acabou chegando, e vai traer problemas, vaia que se os traerá ou trouxo... Estes avespóns son excelentes cazadores das abellas, depredadores moi especializados que coñecen ben cal é a mellor estratexia: colócanse zumbando, cerníndose (manter a mesma altura e posición no voo) mellor cun lagarteiro, na entrada das colmeas, alí por onde si ou si as abellas teñen que pasar minorando a súa velocidade para embocar a entrada á colmea. Ese é, precisamente, o momento no que son máis vulnerables.
O caso é que as abellas son fundamentais para os nosos ecosistemas e incansables polinizadoras que garanten a reprodución de moitas especies de plantas, e tamén son a principal fonte de alimento da propia velutina. O problema é gordo, tanto que as Administracións desenvolven programas de vixilancia e control que non evitaron a súa expansión durante o ano pasado. A previsión para este ano é peor, agora mesmo as novas raíñas, que saíron das colmeas no outono, comezan a espertar da hibernación e formarán novas colonias aumentando exponencialmente a súa poboación e a súa capacidade para esquilmar ás abellas. Os grupos de protección civil, emerxencias e demais profesionais terán que estar envorcados nas tarefas de destrución de niños. O ano pasado, nos concellos do Barbanza, eliminábanse unha media de catro niños cada día, e aínda así a expansión da especie é un feito. Polo que no verán que se achega a situación será moito peor, o cal poder ser entendido coma unha trampa para os concellos da redonda afectados que verán como este insecto colapsa o traballo dos seus equipos de emerxencias.