A Federación Provincial de ANPAS da Coruña-Costa da Morte levamos traballado desde a nosa constitución no 2012, como representantes de nais e pais de alumnado de centros de ensino, nas necesarias respostas educativas adaptadas á diversidade, co obxectivo de conquerir un ensino inclusivo que permita a todo o alumnado una formación integral para ter un futuro digno.
Organizamos as máis activas mobilizacións en contra da LOMCE nas que, ademais de loitar por unha nova lei educativa, pretendemos unha participativa xestión democrática dos centros escolares por toda a comunidade educativa, onde as nais e pais debemos ter voz e voto, co obxectivo de alcanzar un mellor funcionamento e organización educativa.
E por iso, se as nais e pais somos suficientemente maduros para explicar en que consiste unha xornada única e facemos campaña a prol dela, xa que a consideramos necesaria no desenvolvemento dun proxecto educativo, temos a capacidade suficiente para colaborar na xestión do centro, do mesmo xeito que na participación no proceso educativo das nosas fillas e fillos.
Para algo servirá á Administración Educativa o decreto 105/2014 do 4 de setembro, cando esiximos garantir o dereito do alumnado a que se valore o seu rendemento con criterios de plena obxectividade, por exemplo en primeiro de primaria.
Non debemos esquecer que os centros docentes deben adoptar as medidas precisas para facer públicos, e comunicar ás familias, os criterios de avaliación, os estándares de aprendizaxe avaliables, as estratexias e instrumentos de avaliación, como establece o currículo de educación primaria.
Nel clarifícase que a repetición considérase unha medida de carácter excepcional e tomarase só despois de esgotar as medidas de reforzo e apoio para resolver as dificultades do alumnado por parte do centro.
E engado, a familia debe ter a última palabra, senón irregularizamos procesos que debería ser educativos. Do mesmo xeito que a educación é un dereito, é un deber como nais e pais e ninguén nos exime desa responsabilidade.