Pasar por caixa ou abandonar o país

Xosé Abelenda LA VOZ DEL EXPERTO

CARBALLO

05 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Este é o dilema de milleiros de migrantes, que debido ao acordo de transferencia de datos bancarios entre os países da OCDE, nos que figura a Unión Europea e Suíza, non lles queda máis alternativa que declarar as propiedades e as contas bancarias e pasar por caixa. Neste ano 2017, o Estado español, entre outros, comezou a recadar datos que serán transmitidos ás autoridades fiscais helvéticas o ano que vén.

Ata finais de decembro de 2017, poderá un autodenunciarse solicitando ser amnistiado e perdoaráselle a multa coa cantidade a pagar, mais non os impostos atrasados dos últimos dez anos con xuros incluídos.

A cantidade a pagar varía moito dun cantón a outro e cada caso é un mundo, por iso, moitos dos nosos compatriotas non entenden esas diferenzas, pero é o froito dunha Suíza descentralizada.

A cousa non é para botarse a correr, pero hai que ter en conta que reclamar tantos anos atrás porá a moita xente en dificultade para pagar. Pero peor parados sairán os que disimularon os bens e perciben rendas complementarias ou subsidios do Estado, xa que coa nova lei de reenvío de estranxeiros encausados penalmente poderían ser expulsados do país. A amnistía só é parcial, só se perdoa a multa, e non ten en conta casos de percepción indebida de prestacións, xa que son casos diferentes, pero interconectados. Entón, o éxodo está asegurado.

Os que teñen un permiso L e B tamén teñen a obriga de facer saber dos seus bens, mesmo que non teñan a obriga de presentar a declaración da renda como nos explicaron as autoridades fiscais do Jura diante dunha sala ateigada de persoas disconformes co que estaban a escoitar e con ganas de rebelión. Daquela, todos baixo control e sen posibilidade de negociar co Fisco como poden facer as grandes fortunas, solicitando un forfait fiscal (tarifa única) e sen límite de ganancias ou bens. Xa se sabe, a xustiza é algo relativo. Por certo, ¿aos membros da Casa Real tamén se lles pedirá contas?

Despois de moitos anos de sacrificio, aforrando para facer unha casa para vivir a vellez tranquila e uns aforros, séntense impotentes, mentres as sicav están practicamente eximidas de impostos.

Unha das grandes aberracións é que se ten en conta herdanzas, ou por exemplo vivendas construídas antes de chegar ao país, que computarán no baremo para calcular os impostos ou vivendas que perderon valor debido ao bum immobiliario. Pero se o valor no catastro non foi adaptado, non se terá en conta. A boa nova: tense en conta as hipotecas, traballos efectuados previa factura, etcétera, para baixar no baremo.

De nada serve queixarse, a lei existía e se as leis que penalizan ao traballador existen e non se taxa ao capital, é porque o pobo así o quere. No país da democracia temos modo de influenciar as cousas. Non esquezamos que aos suízos tamén lles afecta o intercambio de datos, xa que moitos posúen vivendas ou contas noutros Estados. Xosé Abelenda é responsable de Migración UNIA Transjurane, e especialista en xestión e desenvolvemento de estruturas sindicais.