Días atrás, os técnicos levaron o contador clásico de corrente da entrada das casas, e tamén ducias de miles de contadores nos últimos meses por todas partes. No seu sitio funcional (físico non: agora está na entrada, nun burato amañado no medio da pedra que chegara dos baleóns das fincas) quedou un moderno e dixital.
Parecerá unha tontería, pero ese contador negro era case o único elemento que nos conectaba co que tiñamos nelas hai 50 anos. Ou menos. Foron desaparecendo as pilas das camas, ou peras. As bacenillas. As ventás que deixaban pasar o frío como se fosen follas de salgueiro. Por suposto marcharon as cortes e no seu lugar entrou o salón-comedor. A sala, vamos (antes a sala estaba no sobrado, non sei por que tivo que baixar para a entrada).
Cos contadores negros desaparecen lembranzas como a de «Julio da luz». Non: Julio da lus, así lle quedou para sempre, con ese seseo implosivo. Creo que era (non sei se aínda é, pasou demasiado tempo) o señor que viña miralo e apuntaba na libreta o que se consumía. Cos anos, ata se facía amigo. Coñecía á xente, preguntaba como ía todo, e nós a el. Por iso para min, para moitos, a electricidade eran julios, xulios, e non vatios, e menos aínda voltios. Ohmios, acaso, e según os días, porque de resistencia nunca estivemos moi sobrados, o que máis había era resignación, que non ten símbolo científico. Pero sempre julios. Os da lus.
Tamén me lembro del cando leo iso de que a luz sobe moito. Para moi só corría, naquela roda con marca vermella, case hipnótica. Cando daba cen voltas completas, unha peseta para Julio.