Certezas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

22 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das pequenas cousas que a xente maior necesita para ir tirando son as certezas. Manter o mesmo cura, o mesmo médico (invariablemente, dá igual a idade, don ou doña). O mesmo carniceiro, o que che leva a froita a casa na furgoneta. Mesmos xureleiros, mesma música para o camión das bombonas. Incluso mesmos anuncios pola estrada abaixo cada dez anos, que non sabes de onde saen: «Sillas, vendemos sillas. Sillas para el salón y para la cocina», escóitase pola megafonía.

Certezas que dan tranquilidade tamén son as de ter o mesmo veterinario, que non é xa que coñeza as vacas: ¡é que as coñecen elas a el! Ou os que che fan o saneamento na corte. Ou quen che vende na feira. Os que compran os pinos, e os cuchos. A empresa de toda a vida que che leva os barriles de viño á casa, ¡esa si que é confianza! O mesmo sabor no padal durante 50 anos é unha certeza absoluta, máis que as que proba a física no CERN. E, por non seguir cunha lista inmensa, certezas son os nomes de canto rego e leira hai derredor. A microtoponimia da microtoponimia, un doutorado.

Por iso, cando falla algún dos anteriores postulados, os maiores abanean como os salgueiros co vento. Desconcértanse. Faltan referentes, custará anos recuperalos, se se recuperan. Os dos curas é un deses puntais aos que agarrarse. Durante centos de anos, todo estivo claro. Misa a tal hora. Ou todos os días. Nas festas, nos imprevistos, nas intencións polos defuntos. Na seguridade de falar con el á hora que sexa.

De súpeto, os curas marchan e chega un para cinco, nove ou dez parroquias. Pasou en Soneira e en moitos máis sitios. Non lle damos importancia, pero é un cambio de ciclo histórico. Veremos como vén.