Coa experiencia adquirida, axuda a aquelas persoas que precisan falar en público
18 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.É desde hai tres décadas un dos rostros máis coñecidos da televisión en Galicia, pero a presentadora Yolanda Vázquez decidiu aproveitar os coñecementos e a experiencia adquiridos para axudar a persoas que, coma ela, traballan a diario coa palabra. Desde hai un par de semanas, imparte en Boiro, o municipio no que fixou a súa residencia en abril, un obradoiro de comunicación interpersoal. Tan satisfeita está con esta nova faceta como formadora que aspira a potenciala.
-¿Como foi esa irrupción no mundo da formación?
-Foi por unha casualidade. Un médico propúxome que lle botara unha man porque estaba interesado en mellorar a súa comunicación e logo participei nun curso para directivos dos hospitais de Santiago e Barbanza. Foi hai uns tres anos e gustoume tanto o tema que decidín seguir. O certo é que a parte didáctica sempre me chamou a atención e, o que máis me emocionou e me animou a seguir foi a evolución do que foi o meu primeiro alumno.
-¿Cal e o perfil dos alumnos?
-Aínda que pareza que son presentadores, realmente hai xente con necesidades máis concretas. Hai máis necesidade de aprender a comunicar do que poidamos pensar. Unha das alumnas, por exemplo, é unha rapaza que prepara oposicións e aprobou a parte teórica, pero fallou na oratoria. Tamén hai comerciais.
-¿Ve na formación un campo con posibilidades de futuro?
-Non descarto a televisión nin a radio para nada, e sigo presentado actos, pero este si é un campo ao que me gustaría dedicarme máis en serio e con continuidade no tempo. O que imparto en Boiro é un obradoiro xeral, pero tamén me interesa a aprendizaxe máis persoal, ser unha especie de adestradora. Penso que o importante é ter claro que non se trata de falar en público, senón de comunicar. Hai xente que fala e fala para non dicir nada, mentres que outros din incoherencias. Pasa, en ocasións, porque non somos quen de empatizar cos oíntes por falta de confianza ou de seguridade, e mesmo por situacións vividas que poden chegar a bloquearnos.
-A experiencia será un grado.
-Claro, podo axudar á xente porque pasei por iso. A primeira vez que me puxen diante dunha cámara dixéronme que cando se acendense a luz vermella falara e un mes despois estaba presentando a gala do segundo aniversario da TVG diante de milleiros de persoas. Fun aprendendo a xestionar habilidades e medos, e iso é o que quero transmitir.
-¿En que erro ou carencia tenden a coincidir as persoas cando interveñen en público?
-É difícil xeneralizar, pero a maioría das veces é un problema de inseguridade, pois mesmo hai xente que é moi lanzada á que lle custa falar en público. Se tivera que poñer enriba da mesa un elemento común, poñería ese, a falla de confianza.