Grande

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

OFIOT chegou e con el un mundo novo. O verán esgotouse de canso. Co estío vanse a luz, os decibelios das orquestras, as festas gastronómicas e a gargallada. O moreno efémero dilúese e o pelico vaise esbrancuxando día a día. Pero chega o FIOT, unha especie de descarga eléctrica que nos fai revivir o interior. Unha volta a mirar para dentro. Un reencontro con nós mesmos. Imprime, en certo modo, a sensación de que se inicia o novo ano no calendario da vida. Como o mar de Razo no verán, o festival é case un punto obrigado, o humor enche tódolos recunchos de bares, cafeterías, cervexerías e restaurantes. Mesmo o mercado muda de decorado. Carballo entra en escena. Unha fiestra aberta ao mundo subido enriba das táboas. Esta fin de semana celebrouse o primeiro espectáculo de sala. Inmensos Kulunka Teatro. Unhas máscaras, sen palabras, pero o diálogo entre os actores e o público foi moi fluído. O discurso brillante. Non hai nada mellor para entrar nas entrañas máis crus da vida ca o humor. Este é unha nave que pode levar a un polos mares máis movidos. Unha historia tan real como a vida mesma, que de pronto aparece enriba do escenario como se a trasladaran de calquera fogar ou de calquera rúa. Non hai como ir ao teatro para ver a realidade que o día a día nos agocha detrás dun decorado cheo de artificios, presas e irreflexión. Historias sinxelas que conmoven e que fan estar vivo. Feitos cotiáns que a canle da vida non deixa mirar en todas a súas dimensións. Crueza e humor, sorriso e conmoción, sorpresa e reflexión. Todo ao mesmo tempo. Un vai para a casa cun fol cheo de sensacións. Iso é o FIOT. Grande.